Planificación, coordinación e calidade
Serán actuacións centrais na planificación, coordinación e control de calidade dos servizos da USC:
- A creación dun gabinete de planificación no que se integren os responsábeis de todas as áreas. Este gabinete terá como misión encadrar axeitadamente a administración e os servizos da USC nunha dinámica xeral de traballo en equipo. Trátase en definitiva de crear outra cultura de traballo que permita mellorar a coordinación e darlle unha orientación coherente ás actuacións de todas as unidades administrativas. Esta concepción da planificación no ámbito da xerencia non é excluínte daquela outra que lle sexa propia a outras instancias de goberno, aínda que será preciso tamén establecer a necesaria coordinación entre todas elas.
- Estender toda a estrutura da xerencia (vicexerentes, directores de área e xefes de servizo) a todos os ámbitos da xestión. Fronte á estrutura actual da xerencia, o novo modelo organizativo implica superar o criterio de territorialidade baseado na dotación de vicexerencias nos campus de Santiago e Lugo, polo de coordinación técnica e funcional en todas as áreas, o que permite redimensionar a administración universitaria de acordo co volume real do cadro de PAS e dos recursos económicos que xestiona.
- Incluír todos os servizos no ámbito da coordinación da xerencia, con especial énfase na atención a aqueles especificamente regulados nos vixentes Estatutos (Biblioteca e Arquivo Universitario, Normalización Lingüística e SUR), e sen prexuízo da dependencia funcional que algúns deles deban ter das vicerreitorías.
- Establecer unha política de avaliación permanente dos servizos para atender ás novas demandas e ás necesidades cambiantes.
- Principiar a reorganización dos servizos en grandes áreas, con liñas de actuación coherentes, formuladas a través de planos estratéxicos aprobados nos órganos de goberno, e coherentes coa planificación estratéxica da USC a medio-longo prazo.
- Profesionalizar a área de xestión da calidade.
- Apostar decididamente pola mellora da calidade dos servizos, coa obriga de que todas as áreas desenvolvan prácticas como a elaboración de manuais de procedemento e cartas de servizos, con identificación clara de responsabilidades e baixo o criterio de coordinación.
- Implantar unha política na que a calidade estea directamente vinculada á avaliación da administración e dos servizos e de posta en práctica de procedementos e instrumentos de xestión que potencien a mellora permanente (entre eles, e como un instrumento básico para a xestión, a implantación dun sistema integrado de información para a dirección, hoxe aínda un asunto pendente de rematar).

