Área de recursos humanos: PAS
Mellora significativamente a calidade e eficiencia dos recursos humanos da USC é un obxectivo estratéxico que necesariamente arrinca de:
- Analizar a fondo o estado actual das RPTs e en que medida achegan solucións acaídas ás necesidades actuais da institución, tanto a nivel de cadro do PAS, como no que atinxe ao réxime de prestación do servizo –compatibilidade e flexibilidade de horarios, franxas e quendas de traballo que permitan a conciliación da vida laboral e persoal–.
- Analizar e tomar decisións en canto ao grao de precarización na cobertura de postos de traballo do PAS que teñen un marcado carácter estrutural e ás posíbeis solucións de estabilización deste persoal, consonte co previsto na disposición transitoria cuarta dos actuais Estatutos.
- Adecuar os postos de traballo ás necesidades que precisa hoxe a USC, tanto no terreo do PAS de apoio á docencia como do apoio á investigación.
- Axustar os procedementos de selección e provisión de postos para a mellor prestación dos servizos.
- Reformular a fondo o actual plan de formación para convertelo nunha auténtica “Aula de formación permanente do PAS” que substitúa á formación que se fornece dende outras institucións ou instancias públicas ou privadas. Trátase de romper a tendencia a que, en xeral, a formación sexa só un instrumento para uso voluntarista ao servizo dos traballadores interesados. Implementarase un plan de formación continua, en xornada laboral e en boa medida obrigatoria, ligada á planificación estratéxica e á modernización das áreas, na procura da especialización necesaria para o desenvolvemento das funcións propias dos postos de traballo. Neste ámbito é necesario implantar cursos de especialización para cada área, aproveitando as potencialidades que ten a USC a través dos seus propios recursos e servizos docentes (Ciencias Políticas e Sociais, Dereito, Económicas e Empresariais, Informática, Centro de Linguas Modernas, etc.).
- Establecer un plan de actuación a medio prazo en materia prexubilacións entre o PAS que comece a executarse desde xa.

