Área de infraestruturas e das TIC
Respecto á xestión das infraestruturas e das Tecnoloxías da Información e da Comunicación apuntamos as seguintes actuación reitoras:
- Reestructurar os servizos técnicos e profesionalizar a xestión das infraestruturas e equipamentos da USC coa finalidade de responder en tempo e forma ás necesidades e actuacións demandadas polos/as usuarios/as. Para iso compre identificar esas necesidades e planificar a súa solución e estudar o xeito de mellorar a eficacia económica e técnica dos servizos de mantemento.
- Redeseñar as actuais OXI e OAU, xunto con outros servizos administrativos con funcións neste ámbito, para crear unha estrutura técnico-administrativa que serva a este modelo de actuación.
- Facer depender orgánica e funcionalmente a área de TIC da xerencia (hoxe dependente funcionalmente da reitoría, cousa que carece totalmente de sentido). Este e un factor critico fundamental para deseñar unha administración moderna e eficaz. A administración electrónica deixou de ser opcional en moitos casos.
- Realizar unha correcta avaliación das capacidades da actual área TIC da USC para afondar na definición das súas funcións e na súa dimensión. Os cambios a realizar deberán ser froito do compromiso entre os medios e os obxectivos posíbeis. As mudanzas que melloren a estrutura actual deben ser progresivos e sempre tendo en conta unha planificación -que debe ser respectada- entre os recursos e os servizos que se poñen en funcionamento.
- Promover con moita máis intensidade o emprego do software libre, a publicación de software, a colaboración na localización e, en xeral, todo aquilo que nos permita colaborar entre as universidades e comunidades de software aberto, así como prestar mellor servizo á comunidade universitaria e aforrar custos a medio prazo.
- Definir unha planificación a medio prazo que recolla os diferentes contratos de servizos de asistencias técnicas actualmente existentes na área TIC e definir igualmente a contratación e os custos das aplicacións externalizadas que sexan necesarias.

