XESTIÓN

O xerente como órgano unipersoal de goberno ten atribuída legalmente e dun xeito xenérico a función de xestionar os servizos administrativos e económicos da universidade. Para facer efectivo o desenvolvemento profesional desta función, cómpre definir un programa de actuación xerencial que, con base nos principios político-programáticos do Consello de Dirección, concrete as competencias atribuídas á xerencia para o período do seu mandado.

Para conseguir este obxectivo apostaremos por un novo modelo de xestión dos servizos administrativos e económicos da Universidade, no que cómpre definir claramente o papel do/a xerente/a e as súas competencias, principalmente nas áreas de persoal, economía, financiamento e infraestruturas. Nesta liña profundizarase na profesionalización do conxunto da xestión no ámbito xerencial, definindo un modelo de colaboración cos responsábeis políticos do equipo de goberno no que exista unha clara delimitación dos diferentes papeis.

En calquera área de xestión que se tome como referencia, existen elementos definidores que comprenden tanto aspectos organizativos como de carácter técnico-administrativo e, por descontado, económico. É por iso que cómpre referirse máis que á figura do xerente, ao exercicio da función xerencial, concibida como o conxunto das responsabilidades directivas nas distintas áreas técnicas e de xestión.

Na idea de asumir o vello reto da “profesionalización da xestión” definiremos os ámbitos de actuación concretos sobre os que debe recaer o peso da toma das decisións de xestión e tamén os diferentes postos de responsabilidade directiva, especificando claramente a dependencia funcional dos mesmos. Nesta liña é moi importante definir o papel do/a xerente/a no equipo reitoral, tanto no que atinxe as súas responsabilidades concretas como a aquelas competencias nas que debe existir coordinación cooperativa con outros membros do equipo de goberno.

Apostaremos, sen ningún xénero de dúbida, pola xestión directa dos servizos básicos de apoio á docencia e á investigación, reservando unicamente a posibilidade de empregar fórmulas de xestión indirecta ou de externalización para aqueles servizos de carácter complementario ou instrumental, tal e como establecen os actuais Estatutos da USC.

Coa idea de conseguir os obxectivos anteriormente marcados e na liña de abordar a reforma administrativa que a USC precisa, propomos adoptar as medidas que se fan explícitas nas seguintes áreas: