Internacionalización da investigación

A USC ten unha posición de liderado no sistema galego de investigación que necesariamente ten que ser acompañada dunha estratexia de internacionalización da súa investigación e achegas á construción da sociedade global do coñecemento. A internacionalización do I+D+i da USC comprométenos a:

  1. Impulsar programas específicos para financiar a proxección exterior de centros, departamentos e grupos de investigación, incluíndo a realización de traballos conxuntos para abrir alianzas estratéxicas internacionais.
  2. Fomentar as duplas direccións e as cotitorías de teses –no camiño de establecer dobres títulos de doutor– con universidades estranxeiras, distinguindo aquelas que se sitúan no ámbito da cooperación con universidades de países emerxentes, as dos países de áreas prioritarias de cooperación (galega, española, europea ou da ONU) das que teñen que ver coa internacionalización dos nosos equipos con universidades da máxima excelencia internacional.
  3. Favorecer as estratexias de internacionalización dos grupos de investigación, incentivando a coordenación e liderato de proxectos europeos e internacionais, a captación de doutorandos estranxeiros e a súa produción de teses, así como unha estratexia de edición internacional dos seus resultados a través da edición en inglés por parte da USC-Editora.
  4. Apoiar mediante asesoría previa -técnica e específica- e dar prioridade estratéxica ás propostas de proxectos de investigación competitivos no ámbito europeo coordinados desde a USC.
  5. Impulsar a participación da USC en instalacións e institucións científicas internacionais, a presenza de investigadores/as estranxeiros/as na USC, a participación en comisións de fundacións, asociacións científicas e comisións editoriais internacionais.
  6. Identificar desde o Comisionado ámbitos potenciais de internacionalización e dos grupos máis capaces que aínda non deron os pasos necesarios desenvolver estratexias de internacionalización propias.
  7. Pular institucionalmente a internacionalización a través do Comisionado co obxectivo de alcanzar novos recursos estatais, europeos ou mundiais.
  8. Apostar por converternos en universidade de referencia para a captación de posdocs, como parte das estratexias de internacionalización dos grupos de investigación.
  9. Desenvolver un programa de revisión e mellora anual, previa avaliación, da eficiencia na internacionalización dos recursos empregados no Plano de Internacionalización da USC 2010-2014.