INTERNACIONALIZACIÓN DA USC
A USC xa é unha universidade internacional. Internacional en termos de mobilidade estudantil ao ocupar o número 25 en recepción de Erasmus entre 3.000 universidades europeas, por ter máis de 15% de estudantes de fóra e porque son estranxeiros máis de 25% dos/as estudantes de doutoramento. Recentemente esta condición internacional dentro das universidades do Estado español foille recoñecida coa cualificación de Campus de Excelencia Internacional.
O seu carácter internacional converte á USC na universidade histórica europea de Galicia e desde este ano 2010 formará parte –como todas as de Europa– do Espazo Europeo de Educación Superior. Como institución estamos nas mellores condicións para aproveitar as posibilidades que nos ofrece este novo espazo universitario europeo e para ser unha universidade máis universal e aberta ao mundo na docencia e na investigación.
Enfrontamos un tempo decisivo para desenvolver positivamente esta nosa condición de universidade histórica, enraizada en Galicia, nun país que está presente no mundo coa súa lingua e a súa cultura, a través das comunidades galegas no exterior dende hai un século e medio; e tamén por estar radicada no único país europeo que manexa os dous idiomas de cultura universal de América e unha parte de África, o que unido ao coñecemento do inglés como lingua franca ofrece evidentes vantaxes comparativas para mellorar a proxección internacional da USC.
Creación do Comisionado de Relacións Internacionais
De acordo coa natureza transversal da estratexia de internacionalización que queremos impulsar, no organigrama da USC crearase un Comisionado de Relacións Internacionais, que será membro do Consello de Dirección con rango de Vicerreitoría.
A misión do Comisionado será impulsar intensivamente, no cuadrienio de mandato, a xestión transversal dos obxectivos internacionais da USC (Internacionalización at home) e intensificar a súa participación en áreas como a cooperación e proxectos propios ao abeiro de programas internacionais de prestixio como o Erasmus Mundus-Máster. As liñas mestras da súa actuación reflectiranse no Plano de Internacionalización da USC 2010-2014 que será presentado no primeiro trimestre do noso mandato ao Consello de Goberno.
Obxectivos xerais de actuación internacional da USC
Salientamos sete grandes obxectivos para gobernar a internacionalización da nosa Universidade:
- Elaborar e implementar os dous eixes da internacionalización: cara ao exterior e at home, cun plano de internacionalización elaborado de xeito consensuado para presentar á aprobación polo Claustro nos primeiros tres meses de mandato, co obxectivo de converter á USC en referencia internacional.
- Reforzar as estratexias de proxección exterior da USC para acrecentar a nosa oferta de coñecementos e saberes e enriquecer competitivamente os resultados da nosa investigación.
- Acrecentar con novos recursos a capacidade de mobilidade do PDI, PAS e estudantado da USC nos programas internacionais, especialmente Erasmus pero tamén ISEP e outros, e a cooperación universitaria internacional.
- Seguindo as directrices da UE, ser a primeira universidade do Estado en facilitar a todos os estudantes da USC a posibilidade de cursar un cuadrimestre no estranxeiro ou o período de prácticas.
- Estratexia activa de captación de investigadores e estudantes estranxeiros (contratos e bolsas).
- Implantar unha política efectiva de cooperación universitaria ao desenvolvemento, mediante a asesoría técnica e o apoio loxístico aos investigadores, para a procura do financiamento para accións e a participación en proxectos competititvos internacionais.
- Optimizar aínda máis o aproveitamento de todos os recursos e programas de fondos en investigación e docencia que nos permite a nosa condición de universidade europea e internacional para acadar unha investigación de maior impacto no exterior e para facer do noso potencial de formación un centro de atracción de novos estudantes para os nosos mestrados e doutoramentos.

