Unha nova cultura universitaria
Recrear unha nova cultura universitaria renovando a que hoxe temos é parte importante do noso compromiso para o proxecto de futuro que a USC require.
Sobre principios xa compartidos e de carácter transversal nos os que fundar unha nova cultura universitaria cotiá para todos e todas nós:
- Sustentabilidade ambiental e racionalidade enerxética.
- Conciliación da vida laboral e persoal.
- Igualdade de xénero.
- Compromiso solidario co benestar e a xustiza social global.
- O noso compromiso humanista, coas persoas e coas súas arelas.
- O noso compromiso co país, a súa língua e a súa cultura universais
Estamos no novo tempo que esixe materializar eses principios na actuación cotiá, nos comportamentos e procedementos, nunha universidade que quere e pode actuar como modelo do avance social.
Para converternos en modelo de racionalidade ambiental nos comportamentos colectivos, na mobilidade do persoal e do estudantado, na xestión de equipamentos e infraestruturas. Para mellorar o uso da lingua propia de Galicia nas aulas e na actividade ordinaria da institución coa aplicación das posibilidades do Plano de Normalización aprobado polo Claustro e ser modelo e garantía do futuro do idioma, renovando o compromiso na construción da cultura universal do país como institución de educación superior e investigación. Para ser icona do compromiso do país co benestar global desde a súa probada capacidade de cooperación social e internacional.
Para avanzar na conciliación e na igualdade de xénero con pasos decisivos. O que por exemplo require asumir a necesidade de modificar os actuais horarios de docencia e traballo e aproveitar a converxencia europea para solucionar os nosos evidentes problemas de compatibilidade horaria que impiden ás mulleres e aos homes atender a súa vida persoal e familiar. Establecendo franxas horarias máis racionais e tamén europeas que o favorezan activamente.
Require tamén da creación de novos espazos de convivencia nas facultades e nos centros de traballo, ao xeito das “common rooms” que coñecemos en moitas universidades, onde o descanso activo se mestura coa lectura, o traballo e a convivencia de diferentes xeracións e experiencias. Medidas activas para a igualdade de xénero no ámbito da actividade universitaria para favorecer a actividade das mulleres nun contexto social que segue a ser patriarcal.
Materializar estes pasos que cambian a vida cotiá no sentido en que queremos requiren non só de información ou investimentos, senón sobre todo do compromiso colectivo na institución e a asunción da necesidade de innovar en ámbitos cotiás que mellorarán o noso benestar pero tamén a nosa competencia colectiva e favorecerán un maior benestar e satisfacción da comunidade universitaria.

