Unha nova cultura de goberno
Queremos construir unha nova cultura de goberno para a mellora da USC, para xestionar innovación e non inercias, para remover obstáculos que nos impiden dar conta como quixeramos das misións docentes e investigadoras que nos son propias. A USC debe reiniciar procesos estratéxicos actualmente entalados e debe solventar carencias estruturais que agardan urxentes solucións. Está na nosa man e temos capacidades e saberes para materializar novos e solventes avances da USC no espazo das mellores universidades europeas.
Para logralo é esencial acumular masa crítica ao redor das estratexias de cambio e mellora da Universidade. É preciso afianzar a USC no papel de liderado entre as institucións de referencia de Galicia para contribuir decisivamente na súa construción como país europeo. A sociedade galega agarda de nós solucións practicábeis para os seus desafíos e problemas.
A USC debe reiniciarse para atender máis acaidamente as funcións docentes, garantindo a centralidade que temos no sistema galego de investigación e innovación.
A USC debe reprogramarse en termos de fortalecemento institucional e sustentabilidade financeira.
A USC debe recuperarse como espazo de goberno de toda a comunidade universitaria baseado na codecisión, integrador e aberto á pluralidade que nos enriquece.

