Principios de goberno
A nosa fórmula de goberno repousa na tríade codecisión, responsabilidade e colaboración. Esa é a materia constitutiva do autogoberno universitario.
Codecisión é a clave para impulsar un goberno compartido entre o equipo e a comunidade universitaria a través dos seus órganos de goberno.
Queremos un goberno que tome a iniciativa e cree un marco de participación para a adopción de decisións estratéxicas compartidas coas estruturas orgánica da universidade para que poidan ser asumidas en centros e Facultades, nomeadamente, e nos órganos, como o Claustro, concibidos para discutir e impulsar liñas estratéxicas, orzamentarias e normativas.
Queremos un goberno responsábel das súas decisións e responsabilizado das consecuencias de presente e de futuro das súas políticas.
Queremos construír as nosas decisións desde a responsabilidade e a colaboración de todos os espazos de decisión orgánica e de todos os sectores que compoñemos a comunidade universitaria.
Seremos un goberno facilitador de solucións e decisións compartidas. Non haberá lugar para o imperio do particular sobre o ben e interese común da USC, si para negociar de xeito integrador a discrepancia e o conflito.
Facultades, departamentos e grupos de investigación serán asumidos dende a Reitoría como ámbitos de cooperación e construción de propostas, non como correas de transmisión de decisións arbitrarias.
A participación estudantil neste modelo de goberno non será só normativa senón considerada unha necesidade estratéxica, na procura de coñecer o seu parecer para actuar nas melloras e de garantir a identificación presente e futura coa institución.
Garantiremos a autonomía universitaria e o autogoberno da USC respecto dos poderes políticos, autonómicos e estatais, e faremos da negociación transparente e responsábel a nosa fórmula de relación con eles.

