Actuacións e medidas
- Un equipo de goberno máis reducido e eficaz. Integrado polo Reitor, Sete Vicerreitorías, Secretaría Xeral e Xerencia. Establécese asemade un Comisionado/a para a Internacionalización, adxunto ao Reitor, con rango de Vicerreitoría para impulsar transversalmente a internacionalización at home. Redución necesaria non por austeridade senón para garantir unha mellor competencia na definición e impulso das estratexias académicas.
- Un goberno apoiado na solvencia da administración universitaria e nunha dirección xerencial axeitada. Cunha estrutura xerencial que atenda competentemente ás novas necesidades (comunicación interna e externa; marquetin institucional; xestión de servizos; xestión de programas de internacionalización; xerencia de infraestruturas…)
- Acrecentarase a presenza dos Centros, a través dos decanos e decanas, no Consello de Goberno, duplicando a súa representación para garantir a participación orgánica da institución nas decisións e no impulso dos programa de cambio previstos.
- Unha vez constituído o novo goberno farase con carácter inmediato a presentación, discusión e ratificación dos programas sectoriais de traballo das Vicerreitorías (previstos a tres, seis e doce meses) perante as comisións correspondentes do Claustro, para implicar á comunidade universitaria a través dos representantes de todos os sectores, nun esforzo que ten que ser común.
- Presentarase un documento marco sobre grandes decisións estratéxicas para debatelas na comunidade universitaria e tomar decisión sobre as súas achegas nos órganos de goberno con competencias.
- Crearase un novo marco de comunicación para facilitar a accesibilidade á información sobre decisións relevantes, convocatorias estratéxicas, recursos e servizos dispoñíbeis.
- Participación: activaranse as canles de participación dos distintos sectores da comunidade universitaria para garantir a codecisión como fórmula de goberno. Procurando reducir o número de estruturas implicadas nas tomas de decisións.
- Dinamizarase, singularmente, a participación do estudantado en todos os niveis e canles existentes desde as Comisións de seguimento das titulacións, aos órganos colectivos ordinarios. Constituirase un ámbito consultivo de representación permanente conformado polas asociacións e grupos con presenza no Claustro, os órganos de goberno das residencias e colexios e máis os órganos dos 25 centros, para que todas as sensibilidades e problemáticas teñan garantida voz e presenza nas tomas de decisións.
- Aprobación dos Estatutos. Presentaranse ao Claustro para a súa aprobación no primeiro trimestre do curso vindeiro, sobre a base da versión definitiva da Comisión do Claustro actual. No primeiro Claustro constituirase a Comisión de Estatutos con ese obxectivo.

