PRINCIPIOS DE GOBERNO, GOBERNO DE PRINCIPIOS
A USC encara un novo tempo. Inauguramos unha etapa de decisións estratéxicas e compartidas na que pesa tanto a ameaza da crise económica e o esgotamento do modelo herdado como as novas oportunidades e demandas que se derivan da nosa incorporación ao espazo universitario europeo. Definir o cadro do financiamento universitario ocupa lugar preferente na axenda e obriga a asumir como inaprazabel a formulación dunha estratexia que garanta a sustentabilidade e autosuficiencia financeira que para atender acaidamente as misións que a USC ten encomendada como institución investigadora e de educación superior. Deseñar unha nova forma de goberno e construír unha nova cultura universitaria son os fundamentos do novo proxecto institucional de futuro que a USC precisa construír.
É esencial despexar o marco económico no que a USC vai moverse nos próximos anos tanto como dar por sentado que a nosa universidade necesita un nova estrutura de xestión dos gastos que garanta a súa sustentabilidade financeira. Facer máis e facelo mellor para ser máis competentes é un requirimento tan esencial como negociar con firmeza coa Xunta de Galicia un financiamento suficiente atendendo ao carácter da USC como universidade histórica, internacional e referencia senlleira na investigación. Será a xestión intelixente e eficiente dos recursos a que nos permita crear novas oportunidades que se han de complementar coa descuberta de novos xacementos de fondos estatais, europeos e extraeuropeos para financiar accións docentes e investigadoras innovadoras e altamente competitivas.
No 2010 asistimos ao esgotamento dun modelo de universidade nacido hai 25 anos e que cumpriu a súa función con notábeis resultados. Un tempo de transición e homologación que se delongou durante un cuarto de século e que toca a súa fin definitiva en 2010 coa nosa converxencia no espazo europeo de educación superior. Esgótase un modelo de universidade e con el un xeito de gobernarnos e xestionar a institución da que orgullosamente facemos parte.
Tamén se esgota un modelo de universidade en transición no ámbito da investigación, que entendeu a política de investigación como de acumulación de recursos, equipamentos e infraestruturas. O novo tempo da USC require a definición dunha política científica estratéxica e consensuada que teña en conta en que somos bos e en que debemos de selo, e que asuma o carácter de universidade completa da USC.
Estamos nunha encrucillada que debe ser aproveitada asemade para construír unha nova forma de goberno universitario capaz de integrar e cohesionar, de superar divisións innecesarias e artificiais que debilitan á institución e arriscan á USC a unha crise de lexitimidade e credibilidade, poñendo en cuestión, no seo da comunidade universitaria, as capacidades do seu goberno autónomo e a igualdade de oportunidades.
A USC nos momentos importantes ten que ser forte en consensos e a acción de goberno ten que ser quen de solventar a división entre campus, grandes áreas ou facultades. O labor do equipo reitoral ten que actuar como catalizador dunha política de decisión participadas, de diálogo e construción de consensos integradores da comunidade universitaria, de planificación de decisións compartidas que poidan garantir as mudanzas que queremos impulsar.
A converxencia universitaria europea é o pano de fondo no que teñen que inscribirse as políticas de mellora da USC e a súa remuda institucional. A saída da situación actual, cangada de incertezas e fraquezas orzamentarias, pasa por enfortecernos como universidade pública e ao servizo da sociedade galega. A cesión resignada ás tendencias privatizadoras hipoteca a misión da USC e inhabilítana para cumprir os obxectivos corporativos que nos temos sinalado: fomentar a mobilidade social ascendente, formar estudantes que melloren a competencia social e productiva das xeracións precedentes, promover a igualación, a cohesión social e o benestar e confirmar os valores das sociedades democráticas avanzadas para guiar a autonomía do goberno universitario.
É decisivo o establecemento dunha xestión profesionalizada da administración universitaria, salientando unha dirección xerencial, planificada e integrada dos seus recursos humanos e financeiros pensada para acrecentar a calidade dos servizos e optimizar os investimentos en persoas e infraestruturas de xeito sustentábel na esfera económica e ambiental.
Consolidadas xa as outras dúas universidades galegas é tempo de resituar a Universidade de Santiago como a universidade histórica europea e internacional de Galicia en termos de financiamento, titulacións e tratamento institucional.
A cuestión non xira sobre o que xa somos: unha Universidade pública europea, internacionalizada, matriz histórica do ensino superior en Galicia, polo de investigación avanzada e un dos principais focos culturais da fachada atlántica de Europa. Trátase de construir as mellores estratexias para enriquecer e mellorar este vantaxoso posicionamento. É tempo para actualizar a axenda dos nosos obxectivos institucionais e avaliar a nosa organización como administración e goberno e para render contas dos nosos resultados educativos e investigadores desde a confianza nas nosas capacidades.
Por compromiso social e de país habemos de facer valer como recurso cidadá o traballo e o coñecemento experto que atesoura a USC, en canto parte constitutiva da nosa responsabilidade social corporativa e como esixencia do noso liderado na sociedade do coñecemento.
A universidade cumpre a función dun think-tank científico, tecnolóxico, social e humanístico nas democracias avanzadas. Este é un tempo para facer máis presente á Universidade no debate público, asumindo un papel de liderado e as nosas obrigas como institución prescritora, capaz de mobilizar saberes e coñecementos de grande utilidade para que a sociedade galega e as súas institucións poidan definir alternativas e políticas públicas que contribúan ao desenvolvemento económico de Galicia, acrecentar unha maior cohesión e benestar social ou crear un marco normalizado para a nosa cultura.
Este é un tempo de cambio, un tempo para ser gobernado polos que non teñen medo ao futuro, polos que combaten as incertezas superando a indecisión. Non pode construirse o futuro recuperando un pasado que xa foi. O cambio da USC é necesario e desexábel, e tamén é inevitábel.
Temos que reconstruír os consensos da comunidade universitaria ao redor da procura dunha política de cambio activa que impida vérmonos arrastrados pola imprevisión e por acontecementos que nos excederán se nos instalamos na pasividade. Pero o cambio hai que enchelo de contido: de valores, principios e solucións.
O cambio é un valor fundador da nosa Universidade como institución histórica e hoxe é unha esixencia para facer posíbel o mellor futuro para a USC. Necesítase dun goberno que faga da mellora da nosa tradición e do noso presente un valor de futuro. Este principio anima a nosa acción de goberno universitario.

