Xestión
A potente maquinaria de apoio á investigación da Universidade de Santiago estará ao servizo de todo o persoal investigador. Vai funcionar mellor e igual para todos. En aras da axilidade administrativa, revisaranse os servizos de apoio á investigación, simplificando os procedementos que permitan reducir e alixeirar a burocracia que afoga a investigadores e xestores. Afinar e potenciar a xestión da investigación permitirá mellorar e mesmo multiplicar as posibilidades da USC para aproveitar as capacidades investigadoras existentes e facer emerxer outras, cun programa para novos grupos emerxentes capaces de desenvolver liñas de investigación incipientes, priorizadas no VII Programa Cadro da UE.
A política respecto da área de xestión da investigación terá como obxectivos prioritarios o reforzamento da OIT, unha clara separación das estruturas dedicadas a xestión de investigación e xestión de emprendemento, actualmente excesivamente confusas, a simplificación de procedementos e a transparencia.
Para desenvolver esta filosofía, acometeranse as seguintes accións:
- Revisar o actual sistema de grupos de investigación, pouco operativo e “irreal”. Debemos definir un novo catálogo de grupos, en función das finalidades que se lle van a dar a este catálogo. Precisase unha maior flexibilidade tanto na propia composición como para amparar alianzas, estables ou temporais, cara á consecución de obxectivos estratéxicos, nos sentidos indicados.
- Creación de cartóns de crédito para investigadores tal como se precisa no capítulo de xestión económica e xerencia.
- Introdución de parámetros de transparencia e información sobre o uso que se lle dá a fondo creado a partir das achegas en concepto de custos indirectos, que deben ser mantidos. Este fondo axuda a atender ás necesidades de recursos de toda a comunidade investigadora.

