Transferindo o coñecemento
Na Sociedade do Coñecemento, transferir o coñecemento é un elemento xerador de riqueza e benestar social e, polo tanto, a universidade ten a obriga de poñer os medios ao seu alcance para que o coñecemento que se xera nos seus centros teña impacto económico e social. Certamente, todos ambicionamos que o tipo de coñecemento que se desenvolve na nosa universidade sexa aquel que amplía as “fronteiras do coñecemento”, e que pola propia natureza dese tipo de coñecemento, e sobre todo en determinadas áreas do saber, estará lonxe dunha aplicación concreta en produtos ou servizos.
Non é misión da universidade facer todo o proceso de desenvolvemento do coñecemento até a súa implementación en produtos e servizos; pero se a universidade non xestiona adecuadamente ese coñecemento, non facilita a súa transferencia, haberá maiores dificultadas para conseguir o compromiso financeiro que permita ese desenvolvemento e faga efectiva a transferencia de coñecemento. Nesta lóxica, o obxectivo prioritario da USC ao patentar coñecemento non debe ser a xeración de ingresos senón poñer ese coñecemento en condicións de que outro (empresa xa constituída ou spin-off) poida arriscarse a desenvolvelo.
En coherencia con estas reflexións entendemos que:
- A transferencia de coñecemento é necesaria, é esixida e esixíbel por parte da sociedade que nos sustenta. Debemos falar de coñecemento, non só de tecnoloxía. Transferimos novas tecnoloxías, pero tamén novas formas de xestións das organizacións… E o emprendemento, como mecanismo de transferencia do coñecemento, non se esgota nas ciencias experimentais.
- A transferencia de coñecemento cara á sociedade ten diversas vías. A opción de involucrar directamente aos universitarios (ás universidades) na creación e xestión de iniciativas empresariais de valorización dos resultados de investigación xerados é relativamente recente pero semella que se converteu na solución máxica para transformar os resultados de investigación en empresas de alta intensidade tecnolóxica e crecemento. Certamente son un elemento chave nas políticas tecnolóxicas e de innovación, a todos os niveis –galego, estatal e europeo–, pero tras 15 anos, despois das experiencias nas universidades europeas ou americanas, das universidades top-ten, ou das middle-range, das situadas nas rexións centrais ou na periferia, as accións de emprendemento universitario están agora mellor contextualizadas.
- A misión da universidade é producir e transmitir coñecemento (docencia e investigación). A terceira misión non debe, nin ten porque, comprometer estas misións primarias e, do mesmo xeito, debemos desenvolvela da mellor forma posíbel:
- Débese buscar a complementariedade coas iniciativas empresariais, ofertar onde o entramado produtivo non está aínda en disposición de facelo, sendo especialmente coidadosos en non converternos en competencia desleal, non só por razóns éticas evidentes, senón porque nos converteriamos nun obstáculo para o desenvolvemento de novas empresas que busquen no coñecemento a súa oportunidade.
- Débese garantir a non interferencia innecesaria coas misións esenciais da universidade: investigación e docencia. Non debe distraer recursos necesarios para estas funcións, nin económicos nin humanos.
- Debemos identificar o impacto interno e externo do tipo de spin off que a USC vai promover, o que mellor responde ás características da USC e co que podemos aportar máis a sociedade. Por que hai diversidade de spin-off, desde as que se crean para explotar ideas de altísimo potencial innovador, atractiva para o capital internacional, de alcance universal, necesariamente escasas e moi selectas, até as spin-off que explotan ideas orientadas por un mercado xa definido, iniciativas que precisan de pouco investimento e nas que o modelo de negocio supón trasladar as actividades que xa realizaba o investigador dentro do seu grupo de investigación. Este tipo de spin off teñen un impacto máis local.
- Sobre a base da experiencia propia debemos analizar o impacto interno e externo das iniciativas promovidas até o momento, avaliar os mecanismos de apoio e instrumentos de financiamento que se teñen desenvolvido co obxectivo de modificar e/ou mellorar o seu deseño en base aos resultados desta avaliación.
- Coa experiencia propia e allea destes últimos 15 anos, faise preciso clarificar, e reconfigurar se fose preciso, o noso sistema de transferencia de coñecemento a través das distintas vías: xestión de patentes, negociación e concesión de licenzas, participación en centros mixtos de investigación, parques científicos e tecnolóxicos, creación de spin off. Deberíamos buscar a combinación óptima para: a) Maximizar a taxa de retorno á sociedade dos investimentos que esta fai nas súas universidades. Retorno que debe medir a contribución á mellora na competencia das nosas empresas, a oferta de solucións aos problemas que se formulan na sociedade actual (infraestruturas tecnolóxicas para a xestión sustentabel das nosas pesquerías, solución tecnolóxicas para a protección das vítimas de malos tratos,…..). Tamén nesta misión debemos ter un fondo carácter de servizo público. b) Xerar unha fonte externa de recursos económicos para á universidade.
- Froito dese traballo de avaliación e reflexión, débese contemplar a posibilidade de redefinir as estruturas que desenvolven as tarefas de transferencia de coñecemento, de tecnoloxía, de valorización dos resultados dos nosos investigadores e investigadoras, en consonancia coa política de transferencia coñecemento que se desenvolva.
- Cómpre mobilizar adecuadamente a capacidade propia da USC na promoción de emprendemento. O recurso sistemático a estruturas alleas á USC para a formación de emprendedores, para o asesoramento das iniciativas empresariais que xorden desde a USC, di moi pouco da confianza da USC en si mesma. Temos capacidade e debemos empregala, tamén nas estratexias de transferencia do coñecemento de xeramos.
Por cabo, cómpre facer unha última reflexión. Unha parte importante das actuacións de fomento do emprendemento que se viñeron desenvolvendo na USC estiveron encamiñadas a promover unha actitude, un espírito emprendedor, animando aos nosos egresados a que asuman o risco de levar adiante as súas iniciativas. Acreditamos en que os universitarios e universitarias deben ser emprendedores, creando a súa propia empresa se é o que queren, pero tamén formulando iniciativas nas estruturas e organizacións nas que desenvolvan a súa carreira profesional.
Por outra banda, as políticas de apoio á creación de EBTs semella que distorsionaron o obxectivo principal que non é outro que conseguir que se poida crear unha empresa co coñecemento desenvolvido na USC, e non tanto facilitar que o investigador se converta en empresario. Se nese empeño se involucra persoal formado na universidade o beneficio multiplícase, pero non debemos pasar dunha ausencia total de responsabilidade na transferencia do coñecemento pola nosa parte (investigadores e institución) a entender que asumila pasa por que todos os investigadores e investigadoras con resultados convertíbeis en “plan de empresa” deban converterse en empresarios.

