Recursos humanos e organización dos recursos investigadores

Os programas de recursos humanos deben ser centrais e non marxinais no deseño da política de xestión dos recursos humanos para a investigación e que abranguen os/as investigadores/as pero tamén os/as técnicos:

  1. En canto ao persoal investigador, entendemos que unha das eivas principais é a descoordinación existente entre as accións que atenden necesidades de docencia e as encamiñadas a atender necesidades de investigación, así como o desaproveitamento das convocatorias públicas de incorporación de investigadores/as e de captación dos mellores talentos, como Ramón y Cajal (RyC), Isidro Parga Pondal (IPP), Marie Curie (MC) e outros. Debemos aspirar a que este persoal complete o seu perfil como docente. Sendo así estes programas poden ser unha importante ferramenta na xestión da política de recursos humanos desde o punto de vista da planificación da política científica. Isto, alén de permitir a racionalización da política de investigación, trae un considerábel aforro, dado o financiamento asociado a estes programas. Nesta lóxica, a incorporación de investigadores/as á USC deberá ser xestionada pola Vicerreitoría de PDI, xa que os investigadores/as dos programas mencionados se incorporarán á USC coa perspectiva de atender tamén as necesidades docentes dos distintos Departamento.
  2. Dedicarase unha especial atención ao persoal técnico de investigación, aproveitando ao máximo os programas encadrados nos planes de I+D+i das distintas administracións (como exemplo o programa Lucas Labrada da Xunta de Galicia). Como no caso do persoal investigador, estes programas deberán ser piar básico na política de contratación de persoal técnico de apoio á investigación. Na planificación anual deberá establecerse a previsión de oferta de contratos tanto de carácter temporal como de carácter estábel.
  3. Crearase unha bolsa de persoal técnico, dependente da Vicerreitoría de Investigación, que a demanda dos grupos de investigación incorporaranse como apoio ás actividades investigadoras en todas as áreas científicas. Os grupos que demanden este persoal cualificado deberán cofinanciar o custo do contrato, durante un período de tempo acordado, transcorrido o cal analizarase, en función dos recursos dispoñíbeis no grupo e dos resultados de investigación, a pertinencia da súa continuidade no grupo. Se ben se procurará manter a estabilidade de adscrición sempre que sexa posíbel, o persoal técnico poderá ser adscrito a outro grupo cando así o aconselle o mellor emprego dos recursos. A adscrición deste persoal técnico aos diferentes grupos de investigación realizarase mediante un mecanismo transparente baseado na óptima adecuación do perfil ás necesidades do grupo e criterios de resultados científicos e de dispoñibilidade de achega de recursos para o seu soporte. Promoverase a opción de acordos entre grupos para compartir persoal técnico, o cal posibilitaría a grupos con menor captación de recursos contar con este persoal imprescindíbel. Na adscrición do persoal técnico aos grupos teranse moi en conta as necesidades das áreas de Ciencias Sociais e Humanidades, na procura da satisfacción dunhas necesidades longamente preteridas.
  4. No que respecta aos investigadores predoutorais, vixiarase que a súa incorporación aos grupos de investigación se realice atendendo ás recomendacións da Unión Europea, como a Carta Europea do Investigador e o Código para a Contratación de Investigadores, e vixiarase que haxa un respecto escrupuloso ás condicións laborais e de remuneración dos e das investigadoras que se establece nos respectivos programas.

Programa de grupos en liñas emerxentes: promoveranse grupos novos que definan novas liñas de investigación e contarán con apoio na procura de liñas emerxentes e seleccionadas por grandes áreas na lóxica das liñas máis innovadoras do VII Programa Cadro, co obxectivo de posicionar á USC nalgunhas desas liñas e coa ambición de liderar algúns dos seus aspectos. Serán programas a tres anos co obxectivo de lograr programas competitivos (estatais e europeos) neses campos emerxentes. Alén do apoio de asesoramento da OIT serán priorizados no pedimento de infraestruturas e recursos humanos, etc. e favorecidos con financiamento externo procurado pola USC.

Programarase, dentro da estratexia de investigación, a creación de agrupacións estratéxicas para constituír centros singulares de investigación no ámbito de Ciencias Socias e Humanidades que materialicen políticas de impulso, co obxectivo de acrecentar o número de grupos de referencia nestes ámbitos e situalo á altura do que estas áreas significan na USC.

Faremos apostas estratéxicas vinculadas aos intereses do país aproveitando, por exemplo, o ámbito especializado do Campus Agrario de Lugo, aglutinando aos actores socioeconómicos de Galicia, liderados pola Universidade de Santiago, de xeito que sexamos quen de converter Lugo nunha das referencias europeas na xeración de coñecemento, tecnoloxía e innovación no eido do agro como sector produtivo e do mundo rural como espazo social e territorial.

Campus Vida: Somos xa un Campus de Excelencia Internacional, porque como universidade –todos os campus (norte, sur e Lugo) todos os grupos de todas as áreas e todos os centros, polo grao de internacionalización xa adquirido–, reunimos conxuntamente as condicións para selo. O primeiro proxecto que o materializa, o Campus Vida, ha de ser unha oportunidade que aproveitaremos e potenciaremos ao máximo como motor e impulsaremos as alianzas para desenvolvelo e a súa capacidade de captación de recursos. Propomos extraer o positivo da iniciativa –e da etiqueta– e expandirémolo ao conxunto da universidade.