Infraestruturas e servizos de apoio á investigación

Recentemente a USC investiu moitos recursos propios e alleos en edificios, centros e equipos. Na etapa que comeza, a énfase estará no amparo financeiro á súa sustentabilidade e máis na necesaria optimización de rendementos desas infraestruturas.

Para garantir ese amparo financeiro, planificarase o desenvolvemento das infraestruturas programadas con criterios rigorosos e asegurando un rendemento no horizonte da autosustentabilidade, á vez que se xestionará a sustentabilidade das infraestruturas e equipamentos existentes e dos previstos por varias vías:

  1. Negociando o establecemento dun plano de financiamento dos investimentos das infraestruturas logradas con fondos FEDER pola USC (administración beneficiaria) coa Xunta (administración xestionadora subsidiaria xunto co Estado) para garantir un marco de financiamento adecuado, garantista e realista.
  2. Comprometendo aos Ministerios de Educación e Innovación no desenvolvemento das infraestruturas acordadas coa USC (Centro de Patrimonio, CITEV) e negociando novas posibilidades con cargo ao fondo tecnolóxico, tendo en conta a débeda histórica do Estado coas universidades galegas, ausentes dos orzamentos do Estado no tocante ao financiamento de centros de investigación universitarios.

Os eixes da optimización proposta serán:

  1. Axeitada dotación de recursos humanos (rematar coa situación de “moitos equipos sen persoal cualificado que os atenda”).
  2. Apertura das infraestruturas aos usuarios (auto-servizo titorado mellor que servizo).
  3. Control de calidade (avaliación rigorosa do funcionamento dos recursos atendendo á actividade investigadora realizada e non só ao balance económico).
  4. Implementación de mecanismos máis transparentes e participativos de toma de decisión sobre desenvolvemento das infraestruturas.
  5. Desenvolvemento de mecanismos que permitan unha maior participación das áreas de Ciencias Sociais e Humanidades no uso das infraestruturas e a creación de infraestruturas axeitadas ás súas necesidades investigadoras.

Para desenvolver esta filosofía, acometeranse as seguintes accións.

RIAIDT

Crear un sistema de avaliación da utilización e rendemento das infraestruturas da RIAIDT, focado non exclusivamente sobre os ingresos xerados ou en consideracións meramente económicas, senón sobre os resultados e a potencialidade da actividade investigadora. Será executado por unha comisión dirixida polo/a Vicerreitor de Política Científica e no que participaran os/as xefes das distintas unidades da RIAIDT e un número de usuarios designados polo/a Vicerreitor/a de Política Científica, representativos da diversidade existente. Esta comisión avaliará a produtividade científica de cada recurso da RIAIDT durante o primeiro ano de mandato do novo equipo reitoral. Os resultados desta avaliación guiará a rigorosa toma de decisións que incluirá reducir, eliminar duplicidades, desenvolver ou mesmo pechar determinados servizos.

Converter os recursos da RIAIDT en recursos non só de servizo, senón tamén de aprendizaxe, de xeito que, baixo a tutela dos especialistas de cada área, o persoal investigador se formen na utilización dos equipos. Logo de formados, os investigadores e investigadoras poderán traballar directamente nos seus experimentos, liberando tempo do persoal técnico, e permitindo que as instalacións da RIAIDT teñan un horario de uso máis amplo, idealmente de 24 horas.

Na asunción da USC como universidade completa avaliaranse as necesidades das áreas de Ciencias Sociais e Humanidades, para atinxir un equilibrio razoábel respecto das áreas de Ciencias Experimentais no tocante a recursos e infraestruturas. Promoveranse accións decididas e concretas no impulso das estratexias investigadoras en Ciencias Sociais e Humanidades para tirar proveito de todas as capacidades da institución no ámbito investigador. Garantirase o apoio da OIT e dos servizos de investigación a todas as áreas, establecerase un programa de infraestruturas, equipamentos de investigación e outro de recursos de apoio nesta áreas.

Biblioteca e Arquivos Universitarios

Ambas as dúas son estruturas básicas para a investigación en todas as áreas, e fundamentais no caso das de Humanidades e Ciencias Xurídicas e Sociais, nas que a USC inviste anualmente un importante presuposto. Como institucións universitarias contan cun valor engadido cal é o patrimonial. Unha e outra atópanse así mesmo en pleno proceso de transformación debido á aplicación das novas tecnoloxías que, entre outras consecuencias, leva consigo a ampliación dos seus servizos a potenciais lectores non presenciais mediante a dixitalización de libros e documentos. Estes factores teñen repercusión na análise dos espazos dedicados a estes servizos e da súa función.

  • Arquivo Universitario
    • Impulsarase o proceso de dixitalización de documentos distinguindo entre programas de dixitalización a longo prazo e servizos puntuais a demanda.
    • Seguirase ofrecendo o servizo de consulta e asesoría sobre documentos para os investigadores nun horario amplo e asequíbel.
    • Fomentarase o uso do espazo do Arquivo Universitario para efectos de docencia práctica e formación de alumnos, así como para mostras, conferencias e actividades de carácter formativo e cultural.
    • Impulsarase a doazón, captación e recepción de coleccións que enriquezan os seus fondos.
  • A Biblioteca Universitaria

Este servizo da USC non pode ser actualmente concibido sen a súa inclusión en REBIUN, por unha banda, e en BUGALICIA, pola outra. Traballarase xa que logo para reforzar estas estruturas consorciadas e para potenciar o papel da BUSC nelas.

A estrutura actual da Biblioteca, co seu reparto espacial entre Bibliotecas de Centro e tres Bibliotecas Exentas (Xeral, Concepción Arenal, Intercentros Lugo), pódese manter tendo en conta, porén, a necesidade de reformular a súa xestión integrando as diferentes unidades en catro grandes áreas correspondentes ás diferentes áreas de coñecemento (Ciencias Sociais e Xurídicas, Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Experimentais). A Biblioteca Xeral recibirá un tratamento especial, ao se desdobrar en Biblioteca Histórica e en localización dos Servizos Centrais da Biblioteca.

Será preciso contar cunha Biblioteca Depósito que permita recoller material relativamente obsoleto e liberar así os depósitos das bibliotecas neste momento máis saturadas.

Servizo de Publicación e Intercambio Científico (SPIC)

Unha vez que foi culminada a reforma do SPIC, deben ser obxectivos deste servizo:

  1. O mantemento do modelo actual, que diferenza a esfera académica e a técnica, con plena confianza na comisión de editores/as para asentar o deseño estrutural do SPIC.
  2. Modelo de financiamento do SPIC mixto, no que parte das vendas repercutan no propio Servizo, incentivando o bo traballo do SPIC e podendo así planear unha política editorial de maior alcance.
  3. Garantía de orzamento estábel para a colección de revistas, que deben tender no medio prazo á consecución dos estándares europeos de calidade.
  4. Infraestrutura de tradución e revisión lingüística que permita unha fluída e áxil edición de textos en inglés e maior dotación de servizos de corrección de galego e español, a servizos extensíbeis a outros ámbitos da actividade académica da USC.
  5. Esforzo en prol da iniciativa de elaborar libros de lingua e literatura galegas de Ensino Secundario.
  6. Aposta polo futuro da difusión dixital das publicacións en harmonía coa edición en papel. Continuación do esforzo na participación do SPIC no repositório da USC, que precisa da coordinación de varias Vicerreitorías nun proxecto claro, conxunto e de impacto real.
  7. Prioridade á distribución e internacionalización.
  8. Recualificación laboral de boa parte do persoal do SPIC, que realiza moi satisfactoriamente tarefas de maior responsabilidade da que corresponde ao seu nivel actualmente recoñecido.