ESTRATEXIAS DE POLÍTICA CIENTÍFICA

A USC constitúe o eixe da estrutura científica do país no mellor contexto científico posíbel. É un instrumento privilexiado do coñecemento innovador capaz de transferir tecnoloxía, ademais de constituír un think-tank social e político para Galicia. A actividade científica, que no mundo actual é competitiva e global, debe garantir a competencia e unha maior proxección de Galicia no mundo. Sen coñecemento non hai ciencia, sen ciencia non hai futuro científico e sen el non hai futuro mellor nas sociedades modernas.

Despois de tres décadas dunha política de investigación baseada na acumulación de recursos (infraestruturas, equipamentos, persoal) é tempo de definir unha estratexia para a próxima década que aplique ao interior os criterios das políticas científicas que se nos aplica aos investigadores fóra, que procure a sustentabilidade na xestións dos importantes e especializados equipamentos científicos, que asuma o marco exterior de crise e de competencia no que se desenvolverán as universidades no novo espazo europeo de investigación.

Hai que recoñecer os límites financeiros e orzamentarios realmente existentes para establecer as vías de superalos e poder garantir o futuro do perfil investigador da nosa universidade, moi ben situado no contexto español. Cómpre asumir tamén radicalmente o carácter completo da Universidade de Santiago de Compostela e, definitivamente, considerar a súa diversidade de ambitos do saber unha riqueza e un potencial que esixe do aproveitamento de todas as súas posibilidades en beneficio da institución. Neste sentido marcámonos tres obxectivos:

  1. Aproveitar as oportunidades que permite a posición actual da USC como unha universidade cunha elevadísima capacidade investigadora, asentada nas súas infraestruturas e equipamentos, cunha importante estrutura de centros de investigación –existentes, en execución e proxectados– e da contrastada capacidade do seu capital humano que se completa cunha vocación internacional claramente definida. Esta posición permite e esixe acceder ás bolsas de fondos estatais e europeos –que existen ou poidan aparecer- para captar máis recursos humanos, orzamentarios e de infraestruturas, garantindo o liderado das accións investigadoras, Este esforzo, unido a un uso rigoroso do orzamento propio, debe asegurar o horizonte da sustentabilidade.
  2. Desenvolver todo o potencial real da USC en todos os seus eidos, dende a fortaleza de sermos unha universidade completa. Incentivando ao seu capital humano e empregando planificadamente os programas existentes en recursos humanos até as máximas posibilidades. Establecendo un marco de igualdade de oportunidades para que triúnfe o mérito e a capacidade en beneficio da institución.
  3. Os obxectivos anteriores deben estar encardinados no Plano de política científica estratéxica no horizonte da próxima década. Comprometémonos a sentar as súas bases nos seis primeiros meses de mandato sobre a discusión e consenso nos órganos de goberno da Universidade, coa participación de todos os axentes, nun debate con todos os actores implicados. Polo seu carácter estratéxico cremos que debe ser presentado ao Claustro (primeiro en Comisión), e non só ao Consello de Goberno, para a súa aprobación e para convertelo no instrumento de planificación que o futuro da investigación necesita como marco de acción. Este plano debe implicar:
  • O retrato exacto e exhaustivo do que somos e de todas as nosas capacidades mediante a avaliación das unidades de investigación, que deberá realizarse nos primeiros seis meses de mandato.
  • As accións encamiñadas á mellora das unidades de investigación, que se derive da avaliación realizada, e que deberán iniciarse xa no primeiro ano de mandato.
  • Unha valoración sobre a posíbel creación de novas intraestruturas e/ou a redefinición das existentes en función de necesidades previamente definidas.
  • O establecemento dun marco de traballo para os grupos consolidados, estábeis e garanta a aparición de grupos emerxentes. Este marco debe ser o suficientemente flexíbel e adaptado ás necesidades actuais da actividade investigadora, evitando que se convirta nun corsé ineficiente.
  • O incentivo ás agrupacións estábeis para a constitución de centros e grupos de referencia, para sermos máis competentes, e mediante este esforzo colaborativo acadar máis recursos que nos dean soporte estrutural como universidade e tamén máis fondos para proxectos específicos.
  • A garantía dun horizonte de sustentabilidade para a actividade investigadora dos grupos.

A política científica deberá abranguer catro áreas:

As catro areas deberán ser xestionadas de xeito simultáneo e coa máxima atención e fornecemento de recursos. Porén, dada a particular situación económica de USC, unha liña de acción prioritaria será a atención aos recursos humanos. A investigación é realizada por persoas, homes e mulleres, investigadoras e técnicas, que son o recurso fundamental da política científica da USC; as infraestruturas, os equipos e os edificios, deben ser postos ao servizo dos investigadores e das investigadoras e non ao revés.

Nesta etapa, o esforzo financeiro interno será necesariamente limitado pero contraporase cun esforzo externo máis agresivo e imaxinativo por parte da institución. O gasto en infraestruturas e medios materiais atenderá prioritariamente o seu axeitado mantemento, focalizando todos os esforzos na maximización da súa utilización, que actualmente é baixa e produce un rendemento que está lonxe de ser óptimo, de maior gravidade se temos en conta a rápida obsolescencia dos equipamentos científicos. Neste contexto de racionalización e redimensionamento do gasto en infraestruturas, as accións na área de recursos humanos absorberán parte importante dos recursos dispoñíbeis e incluirá unha mudanza radical na súa organización.

A posíbel creación ou redefinición de infraestruturas dependerá das necesidades sinaladas; moitas solucións non precisan de máis infraestruturas senón do impulso e incentivo de alianzas estratéxicas estruturais e estábeis para sermos máis competentes, e para competir máis e mellor por recursos externos humanos, orzamentarios, e infraestruturais, como universidade e dun xeito non oportunista nin variábel anualmente. Trátase de estar en condicións de procurar nos fondos de recursos que xa existen e estar en disposición de actuar nos que podan aparecer, o que tamén require de capacidade de anticipación e sobre todo información axeitada de parte da OIT.