Sustentabilidade ambiental
Unha xestión enfocada con criterios de sustentabilidade e coherencia ambiental debe conducir a unha redución global da pegada ecolóxica da USC. Seguindo esta liña, propóñense as seguintes accións:
- Realizar un diagnóstico en profundidade do metabolismo da USC de cara a facer unha aplicación máis realista e informada do Plano de Desenvolvemento Sostíbel.
- Aumentar o peso da dimensión ambiental na xestión das infraestruturas, dos recursos (enerxía, auga, papel, habitabilidade, etc.) e das cargas ecolóxicas que xera a USC, coa finalidade de reducir a súa pegada negativa no medio. Neste sentido proponse:
- Deseñar un novo Plano Enerxético, máis realista e ambientalmente esixente que o actual.
- Elaborar unha normativa para a planificación e o deseño de novas infraestruturas e servizos conforme a criterios de sustentabilidade ambiental.
- Poñer en marcha un proxecto para a recollida e uso de augas pluviais nos distintos campus da USC.
- Desenvolver un Plano de Mobilidade Sustentábel que facilite o uso da bicicleta, mellore a accesibilidade para persoas discapacitadas e potencie a circulación peonil nos nosos campus.

