Novo modelo de xestión dos espazos disponíbeis

Establecerase un modelo de xestión de espazos baseado na asignación equilibrada do espazo dispoñíbel a partir de criterios obxectivos, transparentes e o máis consensuados posíbel.

Igualmente resulta urxente e prioritario avanzar na mellora da programación e execución das actuacións de reforma, mantemento, seguridade e optimización das condicións dos lugares de traballo.

As obras reforma, anovación e mellora dos edificios; é dicir, as obras ordinarias de mantemento, faranse mediante unha programación plurianual despois de consultar aos decanatos, servizos e demais responsábeis. Dentro desta planificación deberán ser orzamentados, de xeito separado, planos específicos que deberán ver incrementada a contía que actualmente se lles destina. Serán planos orientados a:

  1. Prevención de riscos laborais, solución das deficiencias detectadas nos estudos de avaliación e  nos planos  de  autoprotección, ergonomía dos postos de traballo e, en xeral, para a adecuación de instalacións á normativa en materia de seguridade e prevención de riscos.
  2. Garantir a accesibilidade de persoas con discapacidades aos servizos universitarios básicos.
  3. Reforma e mantemento de instalacións (electricidade, fontanería, gas,..), que debe incluír ademais os protocolos para o control das actuacións de mantemento correctivo e de instalación de novos equipos con criterios de sustentabilidade ambiental e económica.