Infraestruturas: necesidade dun novo modelo estratéxico

E necesario modificar o modelo de actuación das últimas décadas, un modelo expansionista ou construtivista que se ten caracterizado por:

  1. Tentar resolver os problemas de espazo mediante a expansión da superficie construída.
  2. Atender problemas parciais sen unha visión xeral e sen dispoñer dunha planificación global e a medio-longo prazo.
  3. Formular a estratexia de captación de recursos externos en función da necesidades particulares ou da facilidade de conseguila e non tanto en función das necesidades a cubrir.
  4. Esquecer as actuacións necesarias e mesmo imprescindíbeis nos edificios actuais.
  5. Incrementar o impacto ambiental da USC, diverxendo dos principios e criterios de ambientalización establecidos no Plano de Desenvolvemento Sostíbel.

Este modelo de actuación xerou varios problemas de gran magnitude, toda vez que:

  1. Obrigou a utilizar os recursos propios como complemento dos recursos alleos, de xeito que os novos edificios consumiron unha parte moi importante de recursos da USC. Practicamente todo o orzamento dispoñíbel para obras novas na nosa universidade foi destinado a atender estes complementos orzamentarios.
  2. Dificultou afrontar outros problemas máis urxentes en edificios actuais que están chegando ao final da vida útil en moitas das súas instalacións e esgotou as posibilidades de construción nos campus composteláns.
  3. Hipotecou gravemente á universidade por dúas razóns. A primeira porque unha parte das axudas foron préstamos que hai que devolver. A segunda porque os novos edificios incrementan substancialmente os gastos de mantemento e persoal.
  4. Pexou as iniciativas que se puideran derivar do Plano de Desenvolvemento Sostíbel (PDS), do que as accións en nova construción e infraestruturas en xeral se mantiveron funcionalmente desconectadas. Isto penaliza a coherencia ambiental da institución e exprésase en graves disfuncións (incremento insostíbel dos consumos de enerxía e auga, colapso do Plano de Optimización Enerxética, etc.).

É por iso que cómpre corrixir a proposta do Campus Vida. Para executar o plano formulado polo anterior equipo reitoral será preciso acadar un financiamento externo de 47 millóns de euros a través de distintas vías e comprometer 7 millóns de orzamento propio até o 2012 ­–practicamente todo o orzamento dispoñible para obra nova– o que impediría acometer ningunha nova construción fóra do Campus Vida. E iso tendo en conta que no Campus Vida non se inclúen obras comprometidas e previstas coma os novos edificios de Enfermería e Odontoloxía e a Facultade de Ciencias da Educación.

É preciso pois cambiar o modelo e mudalo por outro baseado en principios diferentes que serían:

  1. Cubrir as necesidades priorizando a optimización dos recursos existentes (cómpre ter en conta que a USC ten mais de medio millón de m2 construídos e unha das ratios –por PDI, PAS ou alumnado– máis altas das universidades españolas).
  2. Deseñar un plano global de actuación que contemple todas as necesidades nos próximos 20 anos e non só as necesidades parciais.
  3. Formular o modelo de financiamento deste plano sobre a base de conseguir recursos para o que é necesario e non facer necesario aquilo para o que se conseguiron recursos.
  4. Potenciar a coherencia ambiental da USC e crear un espazo de traballo saudábel e acolledor. O fomento da cultura da sustentabilidade será un eixe fundamental na xestión das infraestruturas e na dinamización social da comunidade universitaria.
  5. Mellorar a habitabilidade dos espazos universitarios para que favoreza a conciliación da vida laboral e persoal e máis a racionalización dos horarios, fomentando os espazos comúns e de convivencia concibidos para traballadores e estudantes da USC.

Entendemos que este novo modelo é máis adecuado para facer fronte a un problema realmente grave de sustentabilidade. O custe das infraestruturas comprometidas e as necesidades recollidas na última programación plurianual (2007-10) estimábase en 150 millóns de euros. Mesmo sen ter en conta que debería revisarse, isto dá idea da magnitude do problema. Parece inviábel, na actual situación, acometer un investimento desta envergadura a curto prazo se non existe un apoio decidido por parte dos organismos públicos, nomeadamente da Xunta de  Galicia.

Polo tanto, parece necesario reconsiderar todo este conxunto de obras previstas, incluídas as ultimas propostas de Campus Vida e Plano de actuación no Campus de Lugo presentadas nos últimos días do mandato do actual Reitor e que comprometen á USC por moitos anos. De seguir adiante con elas debe ser o conxunto da comunidade universitaria e non só o equipo de dirección quen tome a decisión.

Faise pois imprescindíbel mudar radicalmente a forma curtopracista e fragmentada de acometer as accións de infraestruturas para garantir a sustentabilidade dun modelo que non pode seguir baseado no expansionismo como principio director.

Así presentaremos á comunidade universitaria un novo plano, o máis ambicioso posíbel, pero tamén  realista e viábel, para os próximos 10 anos. Este plano global de investimentos en obras de infraestrutura a medio-longo  prazo irá acompañado dunha proposta de financiamento e dunha estimación realista sobre as dispoñibilidades económicas propias. E realizarase un estudo de necesidades que permita planificar a ampliación dos campus e acometer o seu ordenamento urbanístico.

Sobre esta base firme xestionaremos os recursos alleos en todas as institucións. Neste sentido entendemos que o novo plano de financiamento debe contemplar as características singulares da USC neste terreo. Por unha banda, debe afrontar con cargo aos seus orzamentos o mantemento de edificios históricos (algo que interesa a toda a sociedade). Por outra, unha parte moi importante do seu patrimonio construído é moi antigo e, polo tanto, está necesitado de actuacións urxentes e inaprazábeis.