Servizos de apoio ao ensino/aprendizaxe
O novo modelo docente a desenvolver da man dos novos Graos e Másteres require unha atención especial aos servizos de apoio aos procesos de ensino/aprendizaxe, nos que destacan os destinados á aprendizaxe de idiomas, o acceso á información científica e as ferramentas de docencia virtual.
- O Centro de Linguas Modernas (CLM) debe converterse nunha unidade estratéxica de acción da USC en canto a apoio á docencia e á internacionalización. Consolidarase a súa oferta académica, en consonancia coa súa crecente demanda, ao tempo que se mellorará a coordenación e a acción conxunta e complementaria das áreas de Tradución e de Cursos Internacionais, definindo claramente as funcións dunha e doutra. Impulsarase a consolidación do CLM. É necesario dotalo de maior autonomía, definir e as súas necesidades de persoal e infraestrutura e planificar a súa dotación. Faise urxente a creación da Seccion de Galego, en condicións similares á de Español e de acordo coa demanda e o persoal existente. Asimesmo, faise cada vez máis necesario a oferta de novas linguas que están a ter forte demanda como son o chinés e o árabe, como elemento de resposta e adiantamento ás novas oportunidades. Ao tempo, darase un novo pulo á oferta xeral de linguas con cursos máis específicos (negocios, empresarial, para o turismo, etc.).
- A Biblioteca Universitaria (BUSC) é un servizo esencial de apoio ao estudo que, no actual contexto debe avanzar cara a integración completa das tecnoloxías da información. As actuais salas de lectura deben permitir no máis breve prazo o acceso directo aos fondos en todas as Bibliotecas. Irán evoluíndo cara a Centros de Recursos para a Aprendizaxe e a Investigación (CRAI). Funcionarán en plena sintonía coa área TIC, o que permitirá habilitar novas salas de lectura con postos de ordenador en Residencias Universitarias e Facultades e Escolas que axudarán a xestionar os momentos de maior ocupación bibliotecaria, como son as épocas de horarios especiais. Ligado á mellora do convenio do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (Bugalicia), avanzarase cara á máxima accesibilidade para os e as estudantes dos recursos de información científica on line.
- O Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe da USC (CETA) constitúe xa un recurso esencial de apoio á docencia que precisa ser consolidado e impulsado, pasando, probabelmente, por unha reestruturación profunda. É preciso transitar cara a plataformas de docencia virtual de software libre que garantan maior flexibilidade, maior cooperación con outras universidades e, sobre todo, a liberación de recursos económicos que poderán ser dirixidos á consolidación do Centro. O servizo ten que ser mellorado de modo inmediato para garantir a súa disponibilidade plena desde o primeiro día do curso polo estudantado, e con antelación suficiente a éste polo profesorado. Será necesario abordar sen máis dilación a reestruturacón do servizo, para diferenciar claramente –e atender así adecuadamente– os dous elementos básicos deste servizo: O soporte técnico debe integrarse na área TIC. O soporte para a creación de contidos debe ser atendido por persoal con formación pedagóxica no ámbito do e-learning.

