Reordenación e racionalización dos estudos de Máster

Tras unha fase na que se promoveu a posta en marcha de másteres sen o previo deseño dos títulos de Grao e sen unha definición estratéxica, hai que definir os obxectivos e racionalizar a oferta. A oferta formativa da USC en mestrado ten que ser singular e diferenciada, atendendo ás nosas capacidades, necesidades e tamén ás condicións dos e das estudantes demandantes.

É necesario reordenar a oferta e mesmo reducila de acordo coa tipoloxía de másteres que se quere e se pode ofertar cruzándoa coa demanda real destes estudos. Para iso atenderemos ás seguintes directrices:

  1. Redefinición dos másters de orientación profesionalizadora.
  2. Nova arquitectura dos másteres de orientación investigadora.
  3. Revisión dos másteres interuniversitarios.
  4. Redefinición do Máster de formación de profesorado como requirimento para o exercicio docente tras a oposición.

Redefinición dos másters de orientación profesionalizadora

Deben ser definidos desde os Centros (no seu caso, grupos de Centros), estabelecendo cal son os campos de especialización que se poden/deben fornecer para cada Grao (no seu caso, conxunto de Graos), definidos como un segundo ciclo no que se atendan aos ámbitos de especialización do exercicio profesional, sexan os tradicionais, ou sexan en resposta a novas configuracións do mercado laboral.

Temos que aproveitar ao máximo os recursos humanos dispoñíbeis, e utilizar, alí onde sexa factíbel, os elementos comúns entre a posíbel oferta, a través da configuración de itinerarios curriculares/mencións no cadro dun mesmo mestrado.

O obxectivo estratéxico debe ser completar, na medida en que se produza a extinción das licenciaturas, a totalidade da oferta formativa de Grao coa posibilidade de especialización de Máster, co máximo aproveitamento dos recursos cos que xa conta a nosa Universidade.

Nova arquitectura dos másters de orientación investigadora

Débense concentrar naqueles campos:

  1. En que a investigación e especialización profesional van por vías moi diferentes e, polo tanto, non se poden incardinar.
  2. Onde haxa un potencial investigador moi elevado e punteiro, e capacidade para absorber no doutoramento a totalidade dos/das estudantes do máster.
  3. Nos ámbitos de gran potencial científico que a USC poda xestionar con capacidade de liderado e aproveitar como novos nichos de investigación ou para acceder a novas bolsas de recursos públicos.

Nos restantes casos débense reorganizar para que sexan realmente eficientes a través de dúas vías:

  1. Incardinalos como un itinerario/mención nos másteres de orientación profesionalizadora.
  2. Agrupalos no cadro de Facultades / Disciplinas que compartan as bases da metodoloxía de investigación precisa para o posterior desenvolvemento do doutoramento

Revisión dos másteres interuniversitarios

Impulsaremos unha revisión do modelo de participación especialmente no ámbito do SUG, definindo cal son as condicións en que este modelo ten interese para a USC. Os beneficios que deles se poidan derivar, na medida en que posibiliten fornecer unha oferta formativa en campos nos que a USC non conta con recursos suficientes para unha oferta propia, ou na medida en que nos permitan vincularnos con universidades de maior recoñecemento ou capacidade neses campos, son os factores que deben terse en conta para optar por este modelo.

Un aspecto relevante na organización da oferta de másteres é o seu encaixe na estrutura da Universidade. En canto que títulos oficiais, parte esencial da oferta regrada de estudos, deben estar adscritos aos Centros (Facultades e Escolas) e inserirse plenamente no seu marco de competencias e responsabilidades.

As tarefas de xestión administrativas requeridas polos estudos deben ser realizadas, no cadro da xestión profesional que defendemos, polo persoal administrativo dos Centros.

Máster de formación de profesorado: requirimento para o exercicio docente tras a aprobación da oposición

Atención especial  merece o Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Linguas. A súa condición de máster regulado, requirimento para o exercicio docente no Ensino Secundario, e a elevada demanda de que é obxecto, fan del un título de especial complexidade.

A presa, improvisación e falta de comunicación co estudantado na súa posta en marcha fixo que o que debería ser unha oportunidade para unha formación especializada nun atractivo ámbito de exercicio profesional, se convertese, na USC e no conxunto da Universidade española, no símbolo dos peores presaxios respecto da converxencia no EEES.

O noso compromiso é continuar insistindo, no  Consejo de Universidades, na reformulación deste requirimento para que, en lugar dunha esixencia para concorrer ás oposicións, se contemple como unha formación específica unha vez superada a oposición, modelo ben probado, por exemplo, no caso da carreira xurídica (sen prexuízo de que poida ser cursado antes).  E é  compromiso noso tamén de procurar con urxencia unha solución para os actuais licenciados e licenciadas que elimine a insólita retroactividade deste requirimento.

Mentres, a USC debe definir a súa propia oferta de prazas –e a súa distribución– en función da demanda e, en todo caso, dos recursos dispoñíbeis para garantila, recuperando a capacidade organizativa que cedeu en beneficio da Xunta de Galicia.
Ao mesmo tempo, debe procurar facer esta oferta compatíbel coa doutros másteres que, pola vía do deseño dos itinerarios curriculares apropiados, permitan que o/a estudante non teña que optar, en termos de todo ou nada, por unha ou outra oferta de especialización.