Planificación e avaliación docente
Planificación eficiente da organización académica
É imprescindíbel afrontar, cun prazo de resolución non superior a seis meses, a reformulación do actual modelo de organización académica no referente ao modelo de PDA-POD, para que sirva efectivamente para definir as necesidades docentes a cubrir das titulacións actuais e futuras e para evitar a creación de demandas docentes artificiais e, polo tanto, de profesorado.
Este novo modelo a construír principalmente cos Centros e Departamentos debe:
- Responder á nova configuración dos procesos de ensino/aprendizaxe, contemplando, pois, todas as tarefas que estes requiren do profesorado, no lugar da “hora de docencia presencial”.
- Ser suficientemente flexíbel para englobar os requirimentos distintos de títulos de diferente perfil.
- Ter un carácter estábel, que evite que as necesidades se redefinan cada ano.
- Primar a corresponsabilidade, recoñecendo o papel central dos Centros na determinación da organización académica xa que lles compete a eles a rendición de contas dos títulos.
Avaliación e recoñecemento da actividade docente
Unha universidade plena é unha universidade con vocación docente e así queremos que sexa a USC. Para isto é imprescindíbel salientar a faceta docente do traballo do PDI e revalorizala curricularmente para ampliar o seu recoñecemento social.
O noso compromiso de goberno é afrontar con firmeza e rigor a avaliación da función docente para recoñecer, como ocorre no campo da investigación, a dedicación, o esforzo e os resultados, e para promover a mellora no seu exercicio profesional.
Neste sentido, a opinión dos e das estudantes é de máxima relevancia; para iso é preciso revisar a fondo o sistema de avaliación da satisfacción dos estudantes coa docencia. Temos que dotarnos dun instrumento de valoración recoñecido como válido e fiábel e tamén como útil por parte dos e das estudantes.
Debemos avaliar en profundidade os resultados da fase de proba do programa Docentia (acreditado externamente, pero aínda non validado internamente) para ver a súa validez á hora de discriminar as boas prácticas docentes, verificar a fiabilidade e a relevancia dos diferentes elementos de avaliación que contén e valorar a súa aplicabilidade. Só na medida en que cumpra estas condicións se poderá considerar unha base sólida para a necesaria avaliación da actividade docente do PDI.
É necesario tamén, se de verdade apostamos pola mellora da calidade docente, sermos rigorosos no cumprimento das obrigas docentes e titoriais e dotármonos corresponsabelmente de mecanismos para verificalo. Cuestión esta que non só é cada vez máis asumida, senón tamén cada vez máis demandada polo conxunto da comunidade universitaria e a sociedade.
Estamos convencidos/as de que unha avaliación rigorosa e comprometida da actividade docente será o piar do seu recoñecemento curricular, que debemos incorporar decididamente no proceso de acceso e promoción na carreira académica. Estamos tamén convencidos/as de que isto só se pode levar a bo termo desde o compromiso e a corresponsabilidade.

