Doutoramento, nivel diferenciado dos másteres
Diante dunha nova reforma dos estudos de Doutoramento xa anunciada, parece que definitivamente se vai diferenciar, como no conxunto do EEES, a organización deste nivel de estudos (3º ciclo) do de máster (2º ciclo).
Isto simplificará considerabelmente a organización, ao permitir un maior incardinamento do Doutoramento no terreo da investigación, unha localización máis acaída coas tarefas que desempeñan os/as investigadores/as en formación e coa consideración que ten a dirección de teses no currículo académico do profesorado.
Os obxectivos e retos hanse fixar, pois, da perspectiva de cal número de doutoras/es quere/pode formar a USC, que campos estratéxicos quere estimular (ao igual que nos másteres) e en resposta a que necesidades de persoal investigador.
Esta modificación requerirá da reformulación completa do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua (CPTF) para que cumpra a función que, coa nova estrutura dos estudos de Doutoramento, neste cadro se lle encomenden, e que probabelmente han de diferenciarse con maior claridade, na xestión administrativa, das asociadas á oferta de formación continua.

