Desenvolvemento dos estudos de Grao
Unha vez finalizado o deseño dos novos títulos de Grao, o obxectivo principal no vindeiro período é o seu desenvolvemento atendendo as seguintes tarefas:
- Seguimento e avaliación dos títulos e participación.
- Impulso ás potenciais oportunidades da reforma que non recibiron a atención requirida.
- Novo modelo de ensino / aprendizaxe.
- Simplificación dos procesos administrativo-burocráticos.
- Definición de novas titulacións.
Seguimento e avaliación dos títulos e participación
É preciso realizar, en estreita colaboración coas Comisións dos Títulos, o seguimento da posta en marcha dos títulos co fin de acadar os obxectivos definidos nas súas Memorias. Con especial atención a aqueles que se viron obrigados a asumir a adaptación ao novo modelo sen abordar as necesarias melloras nas súas condicións estruturais.
Adicionalmente prestarase coidado especial aos títulos que foron reconfigurados ou substituídos para solventar os problemas da insuficiente demanda e da existencia de títulos duplicados.
É necesario analizar, nun prazo de dous a catro anos, a evolución da súa matrícula para avaliar os resultados desta transformación e deseñar, en colaboración cos Centros, unha política de promoción dos estudos con menor demanda para lograr a súa consolidación.
Ao tempo, faise imprescindíbel articular mecanismos eficaces de coordinación entre os Centros de Lugo e Santiago que comparten titulacións para harmonizar a oferta docente.
Cómpre articular mecanismos de participación real dos e das estudantes no seguimento e avaliación dos estudos. Na nosa idea, o seguimento e as avaliacións han de servir para corrixir os defectos e superar as deficiencias sinaladas.
Na definición do proceso de Converxencia no EEES dábase unha especial relevancia á participación do estudantado, como elemento activo e principal destinatario dese proceso. Esta participación, que non se fixo efectiva na fase de deseño dos títulos, é un obxectivo da nosa política académica, para o que promovermos espazos deliberativos para recollida da súa valoración dos estudos e, sobre todo, realizando un esforzo activo para a incorporación efectiva dos estudantes ás Comisións dos Títulos.
Impulso ás potenciais oportunidades da reforma que non recibiron a atención requirida
Nomeadamente deberemos atender ao desenvolvemento das prácticas preprofesionais (Practicums, prácticas en empresas). Sendo unha das cernas do proceso de converxencia no EEES, resultaron significativamente relegadas no deseño dos planos de estudo. É necesario así establecer as prácticas preprofesionais como unha das prioridades na definición das necesidades de financiamento dos estudos e valorar a súa inclusión en bo número de títulos nos que non foron contempladas.
Cómpre que se realice un esforzo significativo de implicación das institucións públicas e das empresas na formación práctica do estudantado. O compromiso empresarial é imprescindíbel para responder as súas demandas, en tanto que empregadores, dunha adecuada formación dos e das estudantes; e esta require, necesariamente, do contacto real co mundo do traballo da man de profesionais motivados para titorizar ese contacto.
Novo modelo ensino / aprendizaxe
Hai que asumir como reto compartido da comunidade universitaria xeneralizar un novo modelo de ensino/aprendizaxe. A expectativa inicial do profesorado, de poder dar un salto cualitativo neste sentido, foise perdendo e é preciso recuperala, sendo necesario:
- Comprometer aos Centros na elaboración de planos de implantación dos títulos. Marcar obxectivos a curto e medio prazo, entre outros campos, de taxas de éxito, de atención ao fracaso académico, de mellora na coordinación entre materias, de axuste nos tamaños dos grupos…, e definir os medios necesarios para logralos.
- Dotar os modelos de organización docente de suficiente flexibilidade para atender a diversidade de necesidades e de obxectivos. Esta flexibilidade debe permitir que cada Centro/Titulo poida organizarse, dentro dun cadro xeral consensuado, de acordo cos seus obxectivos, as súas fortalezas e debilidades, e os recursos de que dispón (ou dos que se poida ir dotando). Vinculando, claro está, esa flexibilidade coa rendición de contas sobre o logro dos obxectivos sinalados.
- Implicar o profesorado na mellora, mediante o efectivo recoñecemento do seu compromiso coa docencia (mellora individual, coordinación, inclusión no proxecto colectivo de título).
- Facilitar e fomentar o intercambio de experiencias de mellora docente (dentro e fóra da USC), aproveitando por exemplo as vías de mobilidade do Programa Erasmus (Teaching Staff). Hai que transcender o modelo de cursos que resulta insuficiente se non redunda nunha mellora efectiva da práctica docente e cómpre desenvolver fórmulas de intercambio de experiencias para facilitar a innovación académica.
- Por cabo, é imprescindíbel implicar ao estudantado neste proceso non só como beneficiario directo senón tamén como actor decisivo nas políticas de mellora docente promovendo a existencia de foros nos que poidan comunicar as súas valoracións sobre a docencia e realizar achegas que informen, a través da avaliación de calidade, as estratexias de mellora da nosa oferta e prácticas educativas.
Simplificación dos procesos administrativo-burocráticos vinculados á organización / avaliación / acreditación dos títulos.
Isto require no nivel interno da Universidade:
- Contar cun apoio administrativo efectivo que evite que teña que ser o profesorado, os equipos de dirección dos Centros ou os coordinadores de titulacións quen soporte a carga administrativa que esixen.
- Fornecer de medios eficientes para a xestión académica nos Centros, de xeito que as ferramentas administrativas sexan realmente instrumentos de apoio e non un formulario máis a cumprimentar.
No nivel externo, cómpre conseguir dos organismos avaliadores / acreditadores (ANECA, ACSUG, Consejo de Universidades) que simplifiquen estes procesos, seleccionando os parámetros esenciais de rendición de contas e centrando as avaliacións nos resultados e nos procesos educativos e non nos procedementos de control administrativos como se fai na actualidade.
Deseño de novas titulacións
A abertura do chamado Mapa de Titulacións do SUG debe aproveitarse para lograr a consolidación do Campus de Lugo como o campus completo como se define na LOSUGA. En estreita relación cos resultados da reconfiguración de títulos, débense centrar os esforzos en conformar unha oferta que non multiplique a xa existente no SUG, senón que incorpore novos títulos nos que o Campus de Lugo sexa referente único.
Toda vez que a recente reestruturación dos títulos supuxo perda de titulacións no campus lucense da USC, a nosa aposta, desaparecido o catálogo de títulos, pode facerse de modo máis autónomo e, consecuentemente, debe facerse de modo máis responsábel por parte do conxunto da nosa Universidade e en estrita colaboración cos seus centros.

