POLÍTICA ACADÉMICA

O reto principal da USC no ámbito da ordenación académica para os vindeiros anos é completar positivamente a adaptación dos estudos ao Espazo Europeo de Educación Superior.

Estamos en tempo de aproveitar este proceso para dar un salto de calidade na nosa oferta formativa, corrixir deficiencias advertidas e facer unha forte aposta polo ensino público, consolidando unha oferta altamente competitiva en todas as áreas do saber.

A nosa Universidade non é a de hai vinte anos cando se completou un proceso de modernización dos títulos e se conformou o actual Sistema Universitario Galego. Hoxe contamos cunha USC dimensionada canto ao número de estudantes e solidamente asentada nas dúas cidades onde radica.

As demandas do estudantado son tamén distintas: procuran o ensino universitario que mellor responda ás súas necesidades formativas e expectativas no mercado laboral e non se guían xa por criterios de proximidade ou afastamento xeográfico. Cómpre, entón, centrar os esforzos en mellorar a calidade formativa para responder aos requirimentos dos e das estudantes da nosa contorna, pero tamén para facela atractiva a estudantes de Europa, América e África, sen esquecer as novas necesidades formativas que se nos formulan nos campos da especialización profesional e a formación continuada.

Todas estas mudanzas implican unha política académica pensada desde e para a sociedade e desde e para o estudantado que é o principal vínculo de relación coa sociedade.

Responder a estes grandes retos e atender as novas necesidades formativas non é posíbel a custe cero e a súa atención debe ser unha das nosas prioridades no novo financiamento universitario.

O noso compromiso é estabelecer procesos de seguimento e avaliación aceptados por todos e todas –estudantes, profesorado e PAS– e nos que realmente se confíe institucionalmente como indicadores de mellora. A culminación do proceso debe servir tamén para reforzar a función docente e o papel do estudantado como suxeito central da Universidade no espazo de ensino superior.

Con esta perspectiva temos como obxectivo promover a participación real dos e das estudantes no seguimento e avaliación dos estudos para intensificar as estratexias de mellora, superar deficiencias rexistradas e prever novas demandas de calidade da nosa oferta docente como piar fundamental do prestixio institucional da Universidade de Santiago.

Coa idea de xerar un proceso de mellora sustentada na calidade docente da USC, promoveremos a creación dun Observatorio da Docencia mediante a transformación institucional do ICE co obxectivo de facer seguimento, recoller datos e realizar a avaliación da docencia universitaria, así como para definir estratexias de mellora da nosa oferta académica, realizar prospectivas de novas demandas e fixar estándares de calidade que multipliquen o noso crédito social como universidade de excelencia docente.