Promoción na carreira docente
A calidade do traballo depende, en boa medida, do grao de satisfacción, recoñecemento e estabilidade das persoas que o desenvolven.
A USC dotarase dun Plano de Estabilización e Promoción do seu PDI que garanta o dereito lexítimo á estabilización e á promoción dos seus membros cando se cumpren os requisitos e os niveis de rendemento esixidos para promocionar.
As prazas de PDI de carácter temporal, derivadas tanto da vía ordinaria de dotación como da extraordinaria, terán continuidade na creación de prazas de profesorado titular de universidade, sempre que as persoas que as desempeñen superen, á finalización do seus contratos, as avaliacións externas dos programas que correpondan (Manuel Colmeiro, I3 ou equivalentes), e, en xeral, posúan a acreditación esixida para optar a elas. Sendo a categoría de Titular a prioritaria para a USC como vía de estabilización do seu PDI, poderá optarse pola figura de profesor contratado doutor como estadío intermedio nese proceso.
O Plano atenderá tamén a conseguir que as prazas de Contratados Doutores actualmente existentes se transformen en prazas de Titular, entendendo que o interese na transformación é compartido polo profesorado contratado doutor e pola institución.
As persoas que estean en posesión da acreditación para concursar á cátedra, contarán igualmente cun programa de promoción. A curto prazo irá dirixido a eliminar a actual bolsa de acreditados sen praza, e a medio prazo terá como obxectivo a definición dun modelo de promoción estábel no tempo.
A solución da bolsa (con límite temporal da acreditación a 30 de xuño deste ano) terá como criterio a antigüidade na acreditación, así como a priorización dos maiores de 63 anos de idade. Resolverase en dúas convocatorias, a primeira antes do fin de 2010 e a segunda antes do remate de 2011.
O programa de promoción a medio prazo será estábel no tempo (catro anos de vixencia) e tamén nos seus criterios, para oferecer un horizonte temporal á expectativa de promoción para o profesorado titular que considere a opción de acreditarse. Desde o compromiso de que a dotación de prazas ao abeiro deste programa non contemplará reavaliacións e evitará agravios comparativos e discriminacións.
Este Plano de Estabilización e Promoción na carreira docente do PDI será discutido e aprobado nos primeiros seis meses de goberno.

