Captación de profesorado
Consideramos que debe haber dúas clases de orzamento para a incorporación de novo profesorado, un ordinario e outro extraordinario, baseados no principio de captación dos mellores recursos e aproveitando ao máximo as convocatorias de incorporación de recursos humanos cofinanciadas externamente, no seu dobre beneficio de proveer fondos externos e máis circuítos previos de selección de persoal.
O orzamento ordinario debe ir dirixido a satisfacer as necesidades esenciais de docencia e investigación, entendendo que estas tarefas son imprescindíbeis e imposíbeis de desatender. Segundo as posibilidades de captación e a configuración das áreas, a tipoloxía das prazas será, por esta orde de preferencia:
- Isidro Parga Pondal/Ramón y Cajal (ou figuras asimilábeis derivadas da futura Lei da Ciencia).
- Profesores Axudantes Doutores/ Axudantes (programando a formación docente e investigadora.
En ambos os dous casos, coa consideración de prazas consolidábeis no cadro de persoal.
- Asociados/as e visitantes (para atender a necesidades estritamente docentes, entre as que se contempla a imposibilidade de atender unha determinada docencia por parte do cadro de persoal existente).
O orzamento extraordinario irá dirixido á captación de bos currículos en ámbitos con forte masa crítica e onde a USC quere emerxer con potencia investigadora, sendo preferente o recurso á vía de IPP/RyC ou asimilábeis. Se a incorporación destas prazas se fai por vía de solicitude de grupos de investigación irá asociada ao seu cofinanciamento polos grupos.
Propoñerase tamén que, en función dos recursos orzamentarios e de parámetros (entre outros, como o número de profesores) se poidan facer cada certo tempo convocatorias asociadas a obxectivos das Facultades/Escolas: atención a necesidades disciplinares novas, reforzamento de proxectos de Centro, etc.

