Dedicación docente e investigadora e de xestión
A función do PDI é docente e investigadora e, complementariamente, polo carácter autogobernado da Universidade, tamén de xestión. É necesario, pois, asumir que todo o PDI debe cumprir con estes tres tipos de tarefa, e a institución ten que estimular e impulsar aos bos docentes e ao bos investigadores e recoñecer a dedicación á xestión.
As novas esixencias docentes e investigadoras, xunto co incremento da carga de xestión tanto da docencia como da investigación derivada dos procesos de acreditación e garantía de calidade, fan necesario definir novos mecanismos para valorar e distribuír o tempo dedicado ás distintas responsabilidades do PDI con obxecto de guiar dun modo máis eficiente, eficaz e equitativo a distribución de tarefas e recoñecelas e incentivalas adecuadamente.
Nesta liña propomos, no prazo de seis meses, presentar uns novos criterios integrais que combinen actividades docentes, de investigación e de xestión, retomando o traballo xa avanzado desde a Vicerreitoría de Profesorado até 2008.
Mención específica, ao tratar da dedicación, require o caso do profesorado Titular de Escola Universitaria, en tanto que se trata dun corpo a extinguir legalmente e de facto pola nova estrutura dos estudos, que ten asignado un máximo de dedicación docente superior a calquera outra figura de profesorado. Entendemos, por isto, que a regulación da súa dedicación docente ten carácter excepcional e debe resolverse definitivamente nos próximos anos no marco do novo estatuto do PDI.
A esa regulación definitiva, e no camiño de establecer unha dedicación que poida ser equiparábel co resto do PDI, tomaranse de maneira inmediata as seguintes medidas:
- Con carácter xeral, a dedicación dos/as TEU doutores/as quedará equiparada aos TU.
- Os/as TEU non doutores/as terán unha dedicación de 240 horas sempre que as necesidades docentes o permitiren; se isto non é posíbel de maneira inmediata, irase reducindo gradualmente nun cadro temporal ben definido.

