PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR

O Persoal Docente e Investigador é o axente principal do desenvolvemento das dúas finalidades da Universidade: formación e investigación.

No contexto actual, o profesorado da USC ten que responder a novas necesidades na súa dupla función. No plano docente, para o desenvolvemento dos novos estudos adaptados ao EEES e a atención ás novas demandas de formación que a sociedade nos fai. No plano investigador, para o progreso do coñecemento e do desenvolvemento científico-tecnolóxico, no cadro das necesidades de investigación definidas polas políticas científicas.

Hoxe en día existe unha conciencia social cada vez máis informada sobre as obrigas docentes e investigadoras da Universidade Pública. E tamén un maior coñecemento do que temos que facer, do que facemos e de como o facemos grazas aos procesos de avaliación, tanto institucional como individual, dos estudos e da actividade investigadora. A difusión dos resultados do noso coñecemento e docencia ten que contribuír a superar a percepción, xerada ao abeiro da baixa demográfica e de matrícula dos anos noventa, dunha universidade sobrada de persoal.

O principal activo da Universidade son os seus recursos humanos, e a nosa obriga de cara á sociedade, é garantir o seu mellor aproveitamento, asegurando que rendan ao máximo naquilo no que estean máis preparados e sendo quen de prever as necesidades futuras. A xestión racional dos recursos humanos de PDI é unha obriga da responsabilidade social da universidade.

Temos, en definitiva, que planificar adecuadamente as nosas políticas de persoal. Precisamos captar as/os mellores para o noso cadro de persoal e potenciar o mellor de quen xa fai parte del. Precisamos garantir a renovación, porque a formación do PDI é un proceso longo e custoso que non se improvisa. E para iso debemos aproveitar ao máximo os programas de incorporación e consolidación de recursos humanos do xeito máis beneficioso e rendíbel para o conxunto da institución.

E temos que facer esta planificación atendendo ás novas demandas sociais. A converxencia dos estudos no EEES obriga a usar novos parámetros de estimación das necesidades de PDI para atender ás necesidades formativas dos títulos. Unha política científica ben definida, no cadro das políticas científicas externas, ha de determinar as necesidades derivadas da función investigadora.

Planificación do cadro de persoal

A planificación do cadro de persoal farase nos primeiros seis meses de mandato, para que poida ser efectiva no curso 2011-2012. Irá á par do seguimento do arrinque dos novos títulos e ao deseño da nova política científica estratéxica da USC, e se elaborará nunha Comisión Conxunta Claustro – Consello de Goberno para a súa posterior aprobación polo Claustro dentro das liñas de programación plurianual.

Debe continuarse unha política de renovación, non tanto atendendo a vinculación do cadro de persoal como á súa rexeneración nos grupos e áreas en que a renovación foi menor nos últimos anos, utilizando tamén criterios de volume de traballo, etc.

Implementarse un Plano de fomento das xubilacións. Nos próximos dez anos xubilaranse 346 PDIs, que representan aproximadamente 16% do actual cadro. Nos seguintes cinco xubilaranse outros 414 máis. Desta maneira, nos próximos quince anos un terzo dos actuais PDI estará xubilado. Este escenario ten a suficiente envergadura como para establecer un plano de actuación a medio prazo que comece a executarse inmediatamente. Integrará un programa de prexubilacións voluntarias (que podería incluír a continuidade de dedicacións a tempo parcial) a partir das posibilidades que ofrece novo Estatuto do Empregado Público e procurando, a través dunha negociación coa Seguridade Social e máis o Ministerio de Traballo, garantir o mantemento das remuneracións percibidas.