Planificación da sustentabilidade financeira

A elaboración da Programación plurianual da USC, que se rematará antes de fins de 2010, será acompañada por un Informe de Planificación Económica que presentará de xeito claro e transparente as implicacións financeiras da execución das medidas contidas na programación e os procedementos previstos de xeito que se garanta que poidan levarse a cabo eficientemente.

  1. O Informe utilizará o método de planificación por escenarios. Os diferentes escenarios que se exporán no Informe de Planificación recollerán e farán públicas expectativas máis ou menos optimistas en relación coas previsións máis variábeis, de modo realista e verificábel; compararanse coas previsións do Plano de Financiamento do SUG e coas das principais institucións e instancias coas que a USC mantén relacións económicas e financeiras.
  2. O Informe de Planificación Financeira será amplamente difundido entre a comunidade universitaria e someterase á aprobación do Claustro xunto coa Programación Plurianual.
  3. O Informe de Planificación Financeira constituirá a ferramenta fundamental da USC nas negociacións coas Administracións Públicas en materia económica e de financiamento. A súa existencia e difusión permitiranos argumentar eficazmente a xustiza das nosas demandas diante da sociedade galega ao identificar as consecuencias (positivas ou negativas) das decisións que toman a Xunta de Galicia e o Goberno central respecto do financiamento da nosa Universidade.
  4. O Informe de Planificación Financeira será o referente principal para a elaboración das liñas xerais dos correspondentes orzamentos anuais no período da súa vixencia.
  5. O Informe incluirá os mecanismos para o control e verificación do seu cumprimento, en especial cales serán os límites de desviación tolerábeis que, de ultrapasarse, esixirían outra volta a aprobación por parte do Claustro do informe convenientemente modificado.