Captación de recursos financeiros

Na andaina recente da USC conseguiuse un incremento nos ingresos condicionados captados á marxe do Plano de Financiamento, singularmente para custear de actividades e infraestruturas específicas de investigación.

O problema deste tipo de ingresos, en especial no que atinxe ás grandes infraestruturas, é que financian exclusivamente investimentos e non os incrementos futuros nos gastos correntes vinculados aos mesmos. O que no curto prazo é investimento, tórnase no medio e longo prazo en gasto.

Faise necesario, polo tanto, antes de adoptar decisións favorábeis á captación deste tipo de ingresos, avaliar claramente e caso a caso cal é a capacidade de cada investimento para xerar no futuro os ingresos que permitan garantir o seu mantemento sen pexar a sostibilidade financeira da USC. Non é posíbel, nin desexábel, continuar cunha política de investimento en infraestruturas dependente da volubilidade das convocatorias externas.

O marco europeo da educación superior abre tamén a posibilidade para obter recursos de programas europeos de docencia e mobilidade. O aproveitamento destas novas oportunidades para acadar recursos en programas docentes e de investigación é unha prioridade para acrecentar a achega de fondos públicos. Estratexia na que a institución xa ten demostrada capacidade (cinco programas de Erasmus Mundus External Cooperation Window). Do mesmo xeito teremos que crear as condicións institucionais para acadar novos fondos de ámbitos extraeuropeos.

A USC ten demostrado igualmente a súa capacidade para captar recursos externos en I+D (programas competitivos, contratos e convenios). Somos a sétima universidade do Estado en ingresos en I+D por PDI, o que evidencia a competencia colectiva do noso cadro investigador en todas as áreas e ofrece grandes posibilidades de futuro nesta vía de captación de recursos que son imprescindíbeis para desenvolver a nosa actividade investigadora.

Pola contra, non se observa un incremento suficiente dos ingresos non condicionados e non vinculados ao Plano de Financiamento, que son os que permitirán garantir a sustentabilidade financeira da USC.

A propia natureza deste tipo de ingresos (taxas de matrícula, prezos e tarifas por prestación de servizos…) fai que non sexa doado acadar o seu crecemento desexábel dentro dos límites de actuación dunha universidade pública. Aínda así, a experiencia doutras universidades europeas similares á nosa ensínanos que hai dous factores que, de aproveitarse acaidamente, permiten acadar os resultados positivos:

  1. As universidades públicas dispoñen de recursos específicos (persoal, infraestruturas…) que non son utilizados sistematicamente na plenitude da súa capacidade e potencia. A súa planificación estratéxica esixe elaborar un sistema de contabilidade de recursos na USC que permita identificar estes recursos susceptíbeis de ser mobilizábeis eficientemente para a captación de novos ingresos.
  2. Moitos deses mesmos recursos son altamente valorados pola sociedade xa que nalgúns casos se trata de recursos con características únicas, non dispoñíbeis fóra da universidade no mercado, con estándares de calidade semellantes. Para acrecentar os seus ingresos a USC debe difundir e achegar estes recursos a empresas e administracións xa que en moitos casos son imprescindíbeis para soster os procesos de desenvolvemento innovador de iniciativas empresariais ou a definición de novas políticas públicas.

Unha estratexia que combine axeitadamente a explotación de ambos os dous factores permitiranos, a medio prazo, fornecer a USC con ingresos adicionais grazas ao aproveitamento de recursos tanto docentes (captación de alumnos estranxeiros a prezos non públicos) como investigadores (cesión do uso de equipamento de investigación de alta tecnoloxía a tarifas non públicas), ou a prestación de servizos culturais.