Novo financiamento universitario
Unha constante das universidades públicas é que o volume de ingresos resulta cada vez máis insuficiente para atender axeitadamente as funcións cada vez máis amplas que se lle esixen. A capacidade de financiamento de toda universidade pública está determinada polo volume de ingresos non condicionados que recibe das Administracións que as financian, no caso da USC, fundamentalmente da Xunta de Galicia a través do Plano de Financiamento do SUG.
O incremento de ingresos ten que lograrse por varias vías:
- Na negociación coa Xunta do novo Plano de Financiamento para garantir os mínimos de funcionamento, recoñecendo o carácter singular da USC como universidade histórica europea, de modo que asegure a nosa capacidade de competir na adquisición de recursos adicionais no marco de contratos programa en investigación, internacionalización, calidade, etc.
- Na captación de recursos externos coa condición de que as vías de ingreso garantan o beneficio neto cando se trate de créditos reembolsábeis.
- Accedendo a novos fondos de recursos no ámbito europeo e extraeuropeo (programas de investigación e docencia) facendo render ao máximo as capacidades da USC como universidade investigadora e internacionalizada.
Novo Plano de Financiamento
O noso equipo de goberno esixirá nas negociacións do novo Plano de Financiamento que se garanta un investimento mínimo suficiente para que a Universidade de Santiago poida acadar os seus obxectivos estratéxicos atendendo a súa singularidade como universidade histórica europea. Conduciremos a nosa oferta negociadora con transparencia e coa firmeza institucional precisa para asegurar un financiamento suficiente para o desenvolvemento futuro da USC.
- A USC procurará activamente a cooperación coas outras universidades galegas nas negociacións coa Xunta de Galicia, en especial no referente ao deseño e aplicación do Plano de Financiamento, para así incrementar o noso poder de negociación.
- A USC defenderá a introdución no novo Plano de Financiamento de criterios obxectivos, tanto cualitativos como cuantitativos, para determinar o volume de financiamento non condicionado que recibirán as universidades galegas e contabilizar axeitadamente os custes da USC, entre outros, a estrutura do cadro de persoal (6ª universidade do Estado en sexenios/profesor), superficie construída (2ª universidade do Estado en espazo construído/profesor), soporte de infraestruturas comúns do SUG (másteres interuniversitarios, CIUG…) ou o número de titulacións únicas no sistema.
- A USC defenderá a creación dun Plano de Investimentos no cadro de financiamento do SUG cunha dotación realista respecto das necesidades de novos investimento a medio prazo que complemente a captación de fondos externos.
- Acadar un forte incremento dos ingresos que proveñen de fontes distintas do Plano de Financiamento faise imprescindíbel para que a institución universitaria poida enfrontar novos retos.

