Acrecentar a eficiencia do gasto

A procura dunha nova estrutura e xestión de gasto implica un mellor aproveitamento e reasignación dos recursos dispoñíbeis e insuficientemente empregados, a aplicación dunha lóxica xerencial, o recorte de gastos superfluos, a redución de cargos innecesarios, e a reprogramación nas previsións de construción de infraestruturas e instalación de equipamentos para garantir unha maior eficiencia e rendibilidade no uso dos recursos.

A sustentabilidade financeira da USC esixe evitar o recurso episódico a recortes lineares e ad hoc do gasto cando non é posíbel equilibrar os orzamentos. Os pretendidos efectos beneficiosos destas medidas son cuantitativamente moi reducidos e cualitativamente inútiles. A experiencia da USC demostra que a necesidade de realizar recortes destas características e de xeito recorrente nunca garante unha estabilidade orzamentaria real.

Optimizaremos a eficiencia no gasto para lograr un impacto favorábel na sustentabilidade financeira da USC que nos permita alcanzar reducións permanentes no gasto e  favoreza sobre todo o incremento permanente dos ingresos tanto condicionados como non condicionados.

Actuar sobre a estrutura de gasto é imprescindíbel para atinxir a súa optimización, para o que promoveremos unha xestión profesionalizada da USC que estará dirixida consonte aos principios de corresponsabilidade, cooperación, aproveitamento de capital humano, racionalización, eliminación de redundancias, e igualdade de oportunidades e de trato no acceso aos seus recursos.

  1. Deseñarase de novo toda a estrutura do gasto nos orzamentos da USC sobre a base do Informe de Planificación Financeira.
  2. O principio de distribución do gasto será asignar os recursos dispoñíbeis onde sexan máis necesarios e aproveitábeis seguindo criterios transparentes, coñecidos por toda a comunidade universitaria, e facendo efectivo un compromiso de estabilidade no tempo.
  3. A distribución do gasto nos orzamentos garantirá as posibilidades de actuación en todos os eixos fundamentais da planificación plurianual da USC (incorporación ao EEES, dotación de PDI, mantemento e creación de novas infraestruturas…).
  4. Terán prioridade as medidas encamiñadas á racionalización do gasto, en especial no referente á eliminación de redundancias en equipamentos custosos. Comprometémonos, previa negociación coa Xunta, a elaborar un Plano de Racionalización do Gasto que permita o saneamento financeiro real da USC e que deberá ser acompañado das necesarias achegas extraordinarias no cadro do Plano de Financiamento.
  5. O Informe de Planificación Financeira incluirá un programa de investimentos da USC 2010-2014 que pormenorizará tanto as decisións referidas aos investimentos previstos (aínda non executados) como os novos investimentos que o goberno da USC queira realizar.
  6. Porase en marcha, no primeiro ano de goberno, un Plano de actuación a medio prazo en materia de prexubilacións de execución inmediata e que, entre outros efectos positivos, contribuirá á racionalización dos gastos de persoal.