ECONOMÍA E FINANCIAMENTO
A situación económica da USC para os vindeiros catro anos preséntase preocupante. A posibilidade de incrementar o endebedamento para así poder pechar o orzamento de 2010, máis a acumulación dunha débeda de 47 millóns de euros no exercicio de 2009 (aproximadamente o 12% do financiamento público, no contorno do 34% dos recursos non finalistas de 2010) recoñecida polo equipo reitoral saínte, devolve a USC a unha situación similar á do Plano de Equilibrio Financeiro de 2004 que a comunidade universitaria deu por superada hai xa tempo.
Resolver de vez a situación de endebedamento recorrente pasa polo novo Plano de Financiamento do SUG, que a Consellería de Educación propón aprobar nos vindeiros meses e que, na conxuntura actual de crise económica, se anuncia como “austero”. A perspectiva é claramente insatisfactoria por canto todo apunta que suporá unha rebaixa respecto do Plano anterior, máis expansivo, que xa resultaba insuficiente para que a USC puidese atender cumpridamente as súas necesidades.
O elevado volume de endebedamento e o fraco financiamento garantido pola Xunta de Galicia, xunto co grande incremento por parte da USC do investimento en infraestruturas de investigación de elevado custe, sementan fortes dúbidas na nosa comunidade respecto da sustentabilidade económica da nosa Universidade, de continuar manténdose as actuais políticas financeiras e orzamentarias.
A nosa acción de goberno no próximo cuadrienio terá como obxectivo fundamental garantir a sustentabilidade económica da USC.
Os eixes de referencia das actuacións necesarias para atinxir este obxectivo son tres:
- Dotar a política económica e de financiamento da USC dunha planificación realista, transparente e eficaz tomando como referencia a elaboración dun Informe de Planificación Económica.
- Desenvolver as capacidades da USC para incrementar, a medio prazo e de xeito permanente, os seus niveis de ingresos non condicionados.
- Maximizar a eficiencia na xestión do gasto para alcanzar un incremento moderado do mesmo, sen facer efectivo recorte ningún na atención das necesidades básicas, de xeito que nos permitan acadar os obxectivos estratéxicos da USC.

