Servizos de apoio ao estudantado e á comunidade universitaria
Historicamente a USC creou un amplo e diversificado catálogo de prestacións para desenvolver políticas de benestar, a garantía de igualdade de oportunidades e a conciliación da vida laboral e persoal; para crear mellores condicións de acceso á universidade ou para fomentar a actividade deportiva e hábitos de vida saudábeis, para promover o asociacionismo e enriquecer o capital social da comunidade universitaria. Servizos e prestacións orientadas a mellorar a calidade de vida de todos cantos formamos a USC. A nosa acción de goberno dirixirase a ampliar a súa capacidade de cobertura, innovar as súas prestacións e facelos máis accesíbeis a estudantes, PAS e PDI.
Servizos de información e de apoio aos egresados
O acceso efectivo á información é un dos problemas fundamentais que enfrenta a comunidade universitaria e, particularmente, o estudantado. A información non só ten que estar dispoñíbel, senón que ten que ser accesíbel de modo eficiente. Isto require un esforzo decidido para pór en marcha, de acordo e coa cooperación dos usuarios e das usuarias, o máis áxil e transparente sistema de comunicación, que será implementado no 2011.
Xunto con isto, é necesario mellorar as unidades de información existentes en coordenación co servizo de autoemprego e orientación laboral como unha ferramenta esencial de apoio aos egresados e ás egresadas. O obxectivo será conseguir que este servizo sexa referencial para empresas e empregadores, que saiban que a través del poden identificar aos titulados e tituladas da USC cos perfís máis adecuados e, ao mesmo tempo, que os e as estudantes conten cun servizo tamén de referencia para orientalos na súa traxectoria académica e na incorporación á vida laboral, e para asesoralos nas súas iniciativas de autoemprego.
Política de axudas a actividades de grupos ou membros da USC
A política de axudas a actividades autoorganizadas por parte da comunidade universitaria priorizará aquelas accións que teñan repercusión exterior e que procuren a cooperación con entidades externas á Universidade. Que sirvan, en fin, como unha vía máis de conexión da universidade coa sociedade.
Abrirase unha liña de traballo conxunto coas asociacións, tentando dotalas de recursos materiais, a través dun Centro de Recursos, e tamén para colaborar con elas na consecución de maior e mellor capacitación para o desenvolvemento da súa acción.
Actividades e servizos deportivos
A base da acción deportiva da USC será o “Modelo Deportivo” aprobado en 2007 polo Consello de Goberno. A USC debe continuar a súa política de extensión deportiva baseada na integración, na diversificación e na potenciación de alternativas para o benestar físico da comunidade universitaria, en estreita colaboración co Servizo de Vixianza da Saúde, e da cidadanía en xeral.
Impulsarase a política de achegamento aos centros da prática deportiva e de reutilización, no Campus Sur, dos espazos deportivos ao aire libre para novas práticas deportivas.
No financiamento do Servizo de Deportes tenderase á autosuficiencia coa reversión no seu orzamento dos recursos xerados. No caso de Lugo, afondarase na política de cooperación coas entidades luguesas e, xuntamente con a Xunta de Galicia, procurarase a obtención de instalacións propias da USC, o que terá prioridade absoluta na política deportiva.
En colaboración coa Área de Cultura e a Fundación USC Deportiva, farase unha convocatoria racional, asequíbel e integradora do Verán CampUSC, dirixido ás fillas e fillos do persoal da USC dos tres aos 12 anos, para apoiar a conciliación da vida laboral e familiar.
Sistema Universitario de Residencias
O aloxamento no Sistema Universitario de Residencias non é un premio, senón un ben social, extraordinariamente valioso, da USC. Para a entrada no SUR primarase ás persoas con menores recursos económicos, e para a permanencia consideraranse un rendemento académico non inferior á media da titulación do/a estudante ou un número determinado de créditos superados, tendo en consideración a opinión das asociacións estudantís e dos Consellos das Residencias e Colexios Maiores.
Procuraranse vías de financiamento público do SUR sen que en ningún caso a USC ceda a súa propiedade e capacidade directiva e procederase ás reformas infraestruturais urxentes, planificando a medio prazo a súa conservación e mantemento.
Tenderase á cooperación e ao cogoberno entre as Direccións dos Centros e os Consellos de Residentes, como un factor, por considerar que a correponsabilidade na toma de decisións, ademais dun principio programático do modo de funcionar da nosa Universidade, é tamén un aspecto da formación dos e das universitarias que se debe atender.
O SUR reasumirá a súa capacidade de ser centro difusor da vida social e cultural dos campus.
Comedores universitarios
Prestarase especial atención ao cumprimento dos obxectivos das concesións dos servizos de cafetaría, comedores e máquinas expendedoras, e velarase polo cumprimento das condicións fixadas, en canto a prezos, salubridade, e calidade dos produtos. Asemade, implementarase o desenvolvemento de ofertas saudábeis, para os produtos en xeral e para os menús de comedor en particular.
Impulsarase ademáis, unha acción nos Centros de habilitación de espazos para as comidas, e a dotación de materiais e aparellos para esa finalidade. Para situármonos, tamén neste aspecto, en Europa.
Servizos de mobilidade
Alén da necesaria incidencia na promoción e mellora de convenios para a redución de prezos nas liñas de transporte regulares, urbanas e interurbanas, estudarase a posibilidade de dotar a USC dun sistema de transporte que poda atender, especialmente, viaxes por necesidades docentes, prácticas particularmente, comunicación inter-campus e desprazamentos de grupos de actividades culturais, deportivas ou doutra índole propias da USC.
Escola infantil
Respecto da escola infantil, como servizo educativo e de conciliación da vida laboral, persoal e familiar, a nosa proposta de acción diríxense en tres direccións:
- Función educativa: Revalorizar o papel do equipo pedagóxico da escola e dos/as profesionais da educación que nela traballan, favorecendo o traballo en equipo, o aproveitamento da súa experiencia e iniciativa, e a toma de decisións educativas dun modo colexiado, e a promoción dun novo modelo directivo.
- Conciliación da vida familiar, persoal e laboral: Ampliar o horario de apertura no verán. Flexibilizar os tipos de xornadas da escola adecuándoos ás diversas situación laborais que conviven na nosa universidade
- Servizo público: Promover unha maior transparencia e publicidade na súa xestión máis visíbel para os usuarios e usuarias e para toda a comunidade universitaria. Revalorizar o papel da comisión da escola como o seu órgano colexiado de goberno. Modificar, tras a consulta e o debate cos distintos sectores implicados e cos órganos de representación dos traballadores/as, a convocatoria de prazas vixente, para a impulsar un acceso ao servizo máis xusto en referencia a tres cuestións centrais: baremo de asignación de prazas, distribución por sectores e procedemento de adxudicación de prazas cando non existe lista de agarda.
Por último, e respectando as liñas sinaladas, abrir un servizo de escola infantil no Campus de Lugo.

