Cultura

A USC debe desenvolver un plano integral de  difusión, promoción e posta en valor do seu patrimonio cultural, científico, técnico, bibliográfico e artístico, do pasado e do presente.

Os eixes básicos deste plano serán: a Universidade de Verán (UV-USC), un Centro de Difusión e Coñecemento do Patrimonio Cultural e Científico, o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico e o Servizo de Participación e Integración Universitaria, xunto co Observatorio Astronómico e o Museo Luís Iglesias. E sumado a isto o impulso ao patrimonio das Facultades e Centros da USC, coa constitución de pequenas unidades de difusión e a axuda ao mantemento e mellora de materiais.

A UV-USC afondará na conexión cos concellos e outras entidades públicas, procurando a súa autouficiencia económica e a progresiva internacionalización. Concíbese como un foco de difusión do coñecemento e, particularmente, dos cursos de grao, postgrao ou especialización da USC. Integrando ademáis a actividade de voluntariado, artística e cultural da nosa Universidade nas súas actividades paralelas.

Centro de Difusión e Coñecemento do Patrimonio Cultural e Científico terá sede en Santiago e Lugo, e nutrirase de tres partes fundamentais:

  1. Unha exposición permanente de fondos da USC, con variacións parciais periódicas.
  2. Unha exposición temporal, de liñas temáticas concretas, preferentemente vinculada á USC.
  3. Unha exposición, de carácter interactivo e variábel, que mostre a produción científica das diversas áreas do saber, difundindo o coñecemento xerado nos nosos grupos e centros de investigación.

Todo isto complementado cun espazo na rede dedicado á mesma finalidade e pola creación de pequenas unidades audiovisuais de divulgación científica xeral, vinculadas á investigación concreta de grupos e centros. Neste esquema de acción integraranse e potenciaranse, na súa dimensión de divulgación e extensión, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller e o Museo de Historia Natural Luís Iglesias así como a Fonoteca Universitaria.

Na mesma dirección, impulsaranse  as visitas ao Patrimonio Histórico-Artístico, Científico e Natural da USC como recurso fundamental para conseguir a súa difusión, promoción e posta en valor. Os principais espazos patrimoniais da USC terán atención e posta en valor preferentes, con políticas de acción cultural, encontros, concertos, etc.

Para este fin, crearase unha Unidade de Patrimonio da USC, dedicada á conservación e planificación e estudarase a constitución dun Centro de Estudos da Universidade de Santiago de Compostela que dea cohesión a toda a investigación referida ao pasado, presente e planificación da Universidade que nela se fai, e que terá compoñentes investigadores, de documentación e de difusión.

As liñas exitosas de acción cultural, tanto as que son obxecto das diversas convocatorias de axudas dirixidas á comunidade universitaria, como as propias da Área de Cultura, serán impulsadas como elementos básicos das oportunidades de desenvolvemento integral dos membros da comunidade universitaria e da proxección da USC, incorporando tamén programas de cooperación social como elementos nucleares.

O Programa Lugo Cultural intensificarase como marco fundamental e singular do Proxecto USC na cidade e no campus de Lugo de alta calidade e diversificación.

Definitivamente, procuraranse espazos de encontro e traballo conxunto para grupos musicais e de audiovisuais e artes plásticas, promovendo tamén  accións específicas de apoio e coordenación para todo ese caudal de creatividade e produción existente na USC.