O candidato
Naceu na Devesa (Ribadeo) en 1961. Ten dúas fillas e un fillo.
É catedrático de Historia Contemporánea na USC dende 2005.
Licenciado en Xeografía e Historia (Premio extraordinario 1984) e doutor en Historia en Santiago (Premio Extraordinario, 1990) cunha tese sobre a innovación tecnolóxica na agricultura galega contemporánea; completou a súa formación con estadías no Institute of Historical Research da University of London (1986, 1991), no Department of Geography do University College Cork (1999) e noutras universidades e centros de investigación.
Especializado en Historia Agraria e Historia do século XX, traballa principalmente sobre o cambio tecnolóxico e os cambios na sociedade rural contemporánea.
Ten publicado máis de 100 traballos de investigación, o último “Século XX: unha economía, dúas sociedades” (2008); liderado 10 proxectos e 14 convenios de investigación e participado en dous proxectos europeos dos programas STRIDE (cambio tecnolóxico) e FAIR (propiedade comunal), e dirixido 7 teses de doutoramento.
Dende 1995, é membro do General Board da rede europea ESTER (European School for Training in Economic and Social historical Resarch), para a formación de estudantes de doutoramento. Foi vicepresidente da Sociedade Española de Historia Agraria (2005-2010) e formou parte do Consello Editorial da Revista de Historia Agraria durante dez anos.
Secretario do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), (1992-1995); director do Departamento de Historia Contemporánea e de América (1997-2005), e vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, (xullo de 2006 – marzo de 2009). Foi membro do Consello Universitario de Galicia (1989-1990 e 1998-2006), onde participou como representante do Claustro de Santiago.

