As eleccións
Que se elixe?
Nestas eleccións elixiremos o novo reitor, a persoa que ha dirixir e representar a USC nos vindeiros catro anos, acompañada por un equipo de goberno, e conxuntamente cos órganos colexiados de representación da comunidade universitaria (Claustro e Consello de Goberno).
Elixíronse tamén o 5 de maio os membros do Claustro, máximo órgano de representación da comunidade universitaria. Ten 300 membros, dos que 81 son estudantes e investigadores/as en formación, 24 son persoal de administración e servizos e os restantes 195 son profesores e profesoras. Ese mesmo día tamén se elixiron os representantes do estudantado nos Consellos de Departamento.
Quen vota?
Todas e todos podemos votar. Ao reitor elíxeo toda a comunidade universitaria, mediante un sistema de sufraxio universal ponderado. O que significa que cada persoa ten un voto, se ben non todos teñen o mesmo peso. O voto do profesorado ten un peso superior (o 65%), seguido polo do estudantado e investigadores en formación (27%) e o do PAS (8%).
Para poder votar hai que estar no censo, que podes consultar en www.usc.es/eleccions/index.htm
Onde se vota?
Depende do sector ao que pertenzas. Os e as estudantes votan na facultade ou escola onde están matriculados. O profesorado tamén na facultade ou escola na que dá clase. O PAS e os investigadores en formación votan conxuntamente por campus (Santiago e Lugo).
Cal é o sistema de votación?
O sistema de elección de reitor é a dúas voltas. A primeira volta tivo lugar o 5 de maio, e esta segunda será o 24 de maio, luns.
As mesas, ubicadas en cada facultade (no vestíbulo principal, nunha aula…) estarán abertas desde as 10.30 da mañá até as 18.30 da tarde. É necesario identificarse mediante o DNI. No local das mesas estarán dispoñibles as papeletas. Hai que mirar de elixir correctamente as papeletas e os sobres que corresponden, segundo o sector electoral. Os membros da mesa han de explicar as dúbidas que se poidan producir.
Se non vas poder estar o 24 de maio, podes votar anticipadamente os días 20 e 21 de maio, nos Rexistros Xerais de Santiago (Pazo de San Xerome) e Lugo (Edificio de Servizos Administrativos), de 9 a 14h, levando o DNI e unha copia do mesmo.
Quen son os candidatos?
Na segunda volta das eleccións a reitor preséntanse dous candidatos:
- Lourenzo Fernández Prieto, profesor de Historia Contemporánea
- Juan Casares Long, profesor de Enxeñaría Química
Se queres, podes consultar os resultados da primeira volta, á que se presentaron sete candidatos e candidatas.
Que fai exactamente un reitor?
É quen exerce a dirección e o goberno da Universidade. Propón as liñas de actuación xerais da Universidade (política académica, política de investigación, investimentos,…) ao máximo órgano de representación (o Claustro). E as desenvolve e executa, auxiliado e controlado polo Consello de Goberno (o órgano colexiado de xestión, no que están representados o Claustro, as facultades e escolas e o equipo reitoral).
E a min como me afecta quen saia elixido?
A todos os membros da comunidade universitaria nos afecta e nos interesa.
Nos programas electorais e de goberno dos candidatos e candidatas defínense as súas prioridades e a perspectiva con que as enfocan. En que medida teñen presente a necesidade de participación na toma de decisións; até onde recollen a visión de todos os colectivos e sectores na súa análise dos retos a enfrontar. Os obxectivos para a docencia e a formación do estudantado; a relación entre o avance na investigación e a mellora do benestar social do contorno; o interese polo desenvolvemento dos servizos á comunidade universitaria (comedores, residencias, instalacións deportivas, axudas ao estudo); a atención á promoción da mobilidade interuniversitaria; a formación do seu profesorado e os recursos para a mellora da docencia…
Son cuestións que nos interesan a todos e a todas, e que se poden atender de diferentes formas segundo a visión da Universidade que teña un ou outro candidato.

