Para que unha Universidade estea viva os e as estudantes teñen que ser partícipes das decisións que determinan o seu presente e futuro. O compromiso do equipo de Lourenzo é incorporar activamente os 33.000 estudantes da USC ás decisións de goberno universitario.

1Unha universidade viva que toma decisións compartidas

Todos e todas somos a USC. Por iso todos e todas temos que participar na súa xestión.
  • Incorporación dos/as estudantes ás Comisións de Títulos, para que todas as opinións conten ao identificar e corrixir as deficiencias dos estudos.
  • Creación de espazos deliberativos nos Centros para coñecer a valoración dos e das estudantes sobre o desenvolvemento da docencia e promover medidas de mellora.
  • Sistema de cogoberno nas residencias universitarias e nos colexios maiores, integrado polas direccións dos centros e os consellos de residentes.
  • Creación dun Consello Consultivo de estudantes, participado polos representantes en Xuntas de Centro, Claustro, residencias.

2Unha universidade coa información que precisamos

Información hai moita, pero non sempre é doada de atopar. Os sistemas de comunicación teñen que ser áxiles, accesíbeis e transparentes. Non vale se hai novas e recursos que nos interesan pero non sabemos onde dar con elas.
  • Presenza da USC nas redes sociais para achegar información útil. Para que cando se convoquen os programas de mobilidade se saiba de inmediato, para que non se pasen os prazos. Os recursos a man e en tempo real.
  • Mellor accesibilidade na web aos recursos académicos: bibliotecas, información dos Centros, Secretaría Virtual, Campus Virtual. A un só clic, directamente.
  • Unha web pensada para os/as estudantes, onde estea a man todo o necesario: estudos, lecer, práctica deportiva, comedores, transporte, etc…

3Unha Universidade coas mellores oportunidades de formación

A USC ten que atender co mellor nivel europeo as novas esixencias formativas da sociedade.
  • Maior e mellor participación dos/as estudantes nos procesos de avaliación e mellora docente, e que a opinión conte de verdade.
  • Revisión das enquisas de avaliación do profesorado para que sexan útiles: que se teñan en conta para corrixir as carencias e reforzar o que se está a facer ben.
  • Mellora da oferta formativa para responder as demandas actuais da sociedade en todos os niveis (grao, máster, doutoramento). Para que quen desexe completar un grao ou unha licenciatura cun máster, poida facelo nas mellores condicións na propia USC. Que ninguén fique fóra precisando facelo. Para que os e as estudantes estranxeiros veñan á USC porque se lles ofrece o mellor ensino.
  • Prácticas preprofesionais en todas as carreiras en que son necesarias. Comprometeremos a empresas e administracións para que os titulados/as da USC cheguen nas mellores condicións ao mundo laboral, da man de profesionais motivados e formados.

4Unha universidade que consiga máis recursos e aproveite mellor os que ten

Achegar a mellor formación e os mellores servizos de apoio require recursos. Non se pode facer máis e mellor a custo cero
  • Negociación coa Xunta de Galicia dun plano de financiamento que recoñeza o carácter histórico e internacional da USC, que permita que a nosa universidade poida acadar os seus obxectivos estratéxicos e que as nosas titulacións conten con todos os recursos que precisan.
  • Novas vías de obtención de recursos en programas europeos de docencia e de mobilidade.
  • Acceso directo aos fondos en todas as bibliotecas e dispoñibilidade dos seus recursos electrónicos.
  • Contratación do profesorado necesario e daqueles que sexan os mellores.
  • Adaptación de aulas e laboratorios aos novos modos de aprendizaxe, creación de salas de traballo para os/as estudantes.
  • Mellora das condicións das facultades e escolas en habitabilidade, accesibilidade e sustentabilidade ecolóxica.
  • Prazas de lectura suficientes para o estudo diúrno e nocturno en época de exames.
  • Corrección da falta de previsión que desbalda recursos e hipoteca o futuro.
  • Planificación económica a través do Claustro Universitario, para que entre todas e todos decidamos o que é máis preciso e urxente, con previsión de futuro.

5Unha universidade menos burocrática, máis eficaz e máis próxima

Queremos que a administración universitaria sexa un axente facilitador das relacións, o traballo, a vida e o estudo na USC.
  • Potenciación das unidades de xestión das facultades e escolas. Para que os estudantes poidan contar no seu centro cun equipo de profesionais da administración ben coordenados que atenda ás necesidades de información e axude a resolver os trámites.
  • Modernización da estrutura administrativa da USC, para que o persoal académico poida dedicarse á docencia e á investigación, e non afogue o seu tempo en tarefas administrativas.
  • Redefinición das UXAs e do COIE, para que poidan desenvolver mellor as súas funcións; para que o aforro de recursos humanos que permite a administración electrónica redunde na mellor e máis áxil prestación dos servizos presenciais.
  • Simplificación dos procesos administrativo-burocráticos vinculados á organización, avaliación e acreditación dos títulos, para que a súa calidade se mida polos resultados e pola satisfacción dos axentes participantes, non pola cantidade de papeis que se cobren.
  • Mellora na organización dos servizos de xestión de infraestruturas, para que as instalacións estean en boas condicións de uso e as obras non interfiran co traballo e o estudo.

6Unha Universidade aberta á sociedade, pública e comprometida co país

A Universidade é e debe ser un servizo público que atenda as necesidades da sociedade que a financia. Os cidadáns e cidadás debe saber que fai, como o fai e como aproveita os recursos que nela inviste.
  • Oferta formativa e de títulos completa, para que en Galicia se poida elixir o ámbito de formación que máis interese.
  • Incorporación de novos títulos, non existentes no Sistema Universitario Galego, nomeadamente no Campus de Lugo.
  • Promoción da formación continua para que ex-estudantes e profesionais atopen na USC un referente para actualizarse e reciclarse no curso da súa vida laboral.
  • Investimento no mantemento e a mellora dos servizos de axuda e apoio ao estudo. Para que as limitacións económicas das familias non impidan que ningún bo/boa estudante acceda á Universidade e culmine os seus estudos.
  • Prioridade dos criterios económicos no acceso ás residencias e colexios maiores, e os académicos, cun rendemento mínimo acorde á media da titulación, na permanencia. As residencias son un ben social, non un premio.
  • Oferta de servizos complementarios a prezos reducidos e de boa calidade, a través da mellora e do maior control dos servizos concesionados (comedores universitarios) e de convenios con empresas do sector correspondente (transporte).
  • Impulso para que os centros dispoñan de espazos para as comidas, na súa adaptación ao novo marco de estudo e traballo.
  • Promoción dunha política de extensión deportiva baseada na integración, na diversificación e na potenciación de alternativas para o benestar físico da comunidade universitaria, potenciando escolas deportivas e campionatos universitarios e aberta á cidadanía en xeral.
  • Consecución dun modelo de servizos deportivos autosustentábel, que permita o mantemento e a mellora das instalacións propias mediante o autofinanciamento.
  • Comprometer a toda a comunidade universitaria en accións que contribúan a avanzar cara unha sociedade galega e global máis sustentábel.
  • Promoción da acción cultural e artística desde e para a comunidade universitaria e tamén para o exterior.
  • Incentivar mediante axudas, instalacións e accións formativas, as iniciativas culturais e artísticas que nazan do estudantado e da comunidade universitaria en xeral
  • Incorporación de programas de cooperación social.
  • Impulso da Universidade de Verán da USC, como foro de difusión do coñecemento e de complemento formativo para os e as estudantes e para o conxunto da sociedade.
  • Creación dun Centro de Difusión e Coñecemento do Patrimonio Cultural e Científico con sedes en Santiago e Lugo para que a cidadanía poida coñecer de primeira man o patrimonio da USC e o coñecemento científico que xera.

7Unha universidade europea e internacional

A nosa é unha universidade internacional: é a 25ª de 3.000 universidades europeas en recepción de estudantes Erasmus; o 25% dos nosos estudantes de doutoramento son estranxeiros. A USC ten que ser unha oportunidade de coñecer outros contornos e outras universidades.
  • Impulso dos programas de intercambio e de apoio económico para que todos os estudantes e as estudantes que o queiran poidan cursar un cuadrimestre noutra universidade do mundo.
  • Mellora da oferta do Centro de Linguas Modernas para promover a aprendizaxe de linguas.
  • Reforzo da proxección internacional para ser polo de atracción para estudantes e investigadores/as en formación doutros países.
  • Creación dunha área de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento. Porque queremos que o noso compromiso cun mundo máis igualitario e xusto se concrete na nosa acción docente e investigadora internacional.

8Unha universidade que investigue ao máis alto nivel

Xa estamos entre as primeiras universidades do Estado en investigación, e queremos estar entre as primeiras do mundo. Queremos unha política estratéxica que aproveite intelixentemente os recursos e maximice o rendemento.
  • Mellor difusión e transferencia de coñecemento, para que a nosa investigación redunde ben beneficio da sociedade.
  • Repercusión nos plans formativos, sobre todo nos mestrados, dos novos coñecementos xerados na propia USC.
  • Consecución dunha ratio de doutores e doutoras por habitante que sitúe a Galicia entre os países máis avanzados do contorno.
  • Adecuada planificación e uso eficiente dos espazos universitarios, para que a investigación avance sen ir en detrimento do investimento en infraestruturas necesarias para a docencia.

9Unha universidade innovadora

Queremos xestionar innovacións, e non inercias, nunha universidade pública europea. Os 500 anos de historia da USC son unha base sólida sobre a que seguir avanzando ao servizo da sociedade.
  • Innovación na investigación.
  • Innovación na docencia, nos modos de aprendizaxe, nas posibilidades formativas para os/as estudantes.
  • Innovación nas relacións da universidade coa sociedade.

10Unha universidade da que sentirte orgulloso/a

Queremos e traballaremos para que te sintas parte da USC agora e ao longo da túa vida. Que te sintas parte dunha universidade no mundo, participando con compañeiros/as doutras universidades e asistindo a actividades en calquera centro estranxeiro que axude a túa formación. Desenvolveremos un novo proxecto, a USC-World, para conectar ás persoas formadas na USC que están hoxe no mundo enteiro e ligalos coa súa universidade matriz. Con optimismo e iniciativa fronte ao fatalismo e a melancolía do pasado. Corresponsábel e participadamente. Para que todos e todas, estudantes, profesorado e PAS nos poidamos sentir orgullosos da nosa universidade.